publicidade hoxe
Publicidade
omeulibro1

O obradoiro de emprego “Ulla-Umia” formará a 20 desempregados de Valga e Moraña

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaMorañaPontevedraValga
A-
A+

O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, José Manuel Cores Tourís, visitou esta mañá Valga para anunciar que este municipio, en colaboración con Moraña, serán beneficiarios este ano do obradoiro de emprego “Ulla-Umia”, que permitirá formar en albanelería, carpintería e xardinería a 20 veciños desempregados de ambos concellos.

O delegado estivo acompañado no acto polo alcalde de Valga, José María Bello Maneiro, e a alcaldesa de Moraña, Luisa Piñeiro. Ambos agradeceron que a administración autonómica tivera en conta o proxecto conxunto presentado que “permitirá continuar a traballar de cara a reducir o desemprego nos nosos municipios”.

O obradoiro terá unha duración de seis meses e no mesmo a Xunta investirá case 180.000 euros, “que coa aportación a maiores dos dous concellos en materiais chegará a superar os 200.000 euros”, explicou Cores Tourís. O obxectivo destes cursos é preparar a 20 alumnos, aos que haberá que sumar o persoal contratado para dar formación nas tres especialidades.

O delegado territorial mostrou a súa satisfacción por poder avanzar que ambos concellos obtiveron este obradoiro de emprego que ten “un obxectivo claro, dar formación a persoas desempregadas de cara a que logren reinsertarse laboralmente. De feito, as persoas desempregadas participantes como alumnado traballador percibirán o Salario Mínimo Interprofesional durante os meses que durarán estes proxectos”.

Cores Tourís tamén aproveitou a visita a Valga para destacar o “manifesto claro de colaboración institucional da Xunta coas entidades locais para intentar que o obradoiros de emprego teñan continuidade na creación de postos de traballo no futuro”, e destacou que durante os seis meses que dure a iniciativa, ademais, os alumnos poderán axudar a manter e mellorar os seus concellos, levando a cabo melloras en estruturas de diversos inmobles municipais, reformando cubertas, fiestras e contra ventás e executando labores de limpeza e mantemento en zonas verdes municipais.

Pontevedra e Deputación provincial

O delegado territorial destacou tamén que outros dous beneficiados por obradoiros de emprego este ano serán a Deputación de Pontevedra e o concello capitalino.

De feito, Pontevedra contará cun obradoiro para 20 alumnos, denominado “Concello de Pontevedra 2016”, e que se centrará en dinamización turística, comercial e en actividades de tempo libre. A Xunta destinará a esta iniciativa case 180.000 euros e as actividades previstas cos alumnos serán a planificación dunha campaña turística do concello de Pontevedra, a colaboración na creación e desenvolvemento dun mercado na rúa Serra e diversas actividades no mercado de abastos así como a planificación de actividades en Pontexogos 2016 e na Feira Franca.

En canto a Deputación provincial, serán 15 os alumnos beneficiados nun obradoiro, denominado “Depoatende”, destinado a atención sociosanitaria en institucións. A Xunta destinará a esta iniciativa 134.350 euros. “Isto vén a demostrar que a administración autonómica segue a manter a colaboración institucional co organismo provincial, a pesar de que, dende a Deputación non se quixera colaborar con iniciativas como a que concellos e Xunta puxeron en marcha recentemente para a execución de distintas obras nos municipios da provincia”, matizou o delegado territorial en Pontevedra.

En total, a provincia de Pontevedra contará con 29 obradoiros, 21 dos cales están a ser notificados nestes días aos concellos beneficiados. “Cinco destas iniciativas corresponderán a obradoiros para menores de 25 anos que xa, o ano pasado, tiveron unha moi boa acollida”, engadiu Cores Tourís.

A Consellería de Economía, Emprego e Industria destina este ano máis de 18 millóns de euros aos obradoiros de emprego, incluíndo esta cantidade unha liña de apoio específica aos menores de 30 anos para mellorar a súa inserción laboral. Destes programas mixtos de formación e emprego, cos que se poden acceder aos certificados de profesionalidade, poderán beneficiarse preto de 2.000 desempregados.

7 de xuño de 2016 | 17:52 • Sen comentarios

Comentarios pechados.