publicidade hoxe
Publicidade
omeulibro1

O encontro Corazón da Artesanía de Agolada achégase ao mundo da arte contemporánea a través da mostra de Irene Grau

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaAgolada
A-
A+

O Encontro da Artesanía Tradicional e Popular de Galicia. Corazón da Artesanía, que organiza a Consellería de Economía, Emprego e Industria entre os días 8 e 10 de xullo nos Pendellos de Agolada, fomentará nesta quinta edición as sinerxías que existen entre a artesanía e outras disciplinas, como a arquitectura e a arte. Así, celebrarase o programa A longa sombra dalgunha cousas, que inclúe a exposición Blind Wall, de Irene Grau, e conferencias impartidas por arquitectos e artistas. A mostra e as conferencias terán lugar no antigo muíño-serra.

Desde o venres e ata o domingo, de 11,30 a 21,30 horas, o antigo muíño-serra, na avenida do Concello, número 42, de Agolada, acollerá esta mostra de arte contemporánea da artista Irene Grau e que estará comisaridada por Álvaro Negro. Trátase dunha intervención pictórica sobre a arquitectura do muíño-serra ca súa metodoloxía habitual de traballo: a análise do espazo, a intervención in situ e a súa transformación a través da cor.

Irene Grau ten exposto a súa obra, na que converxen a pintura radical monocroma, a mural, os procesos performativos e a paisaxe, a nivel internacional, en países como Suíza, Brasil ou Estados Unidos. Gañou o premio ao mellor proxecto expositivo do Festival Off de PhotoEspaña’15 con O que importaba estaba na liña, non no extremo.

O programa complétase o sábado 9 de xullo con tres conferencias. As 12,00 horas, Irene Grau e Álvaro Negro conversarán sobre a intervención da artista en Agolada e o conxunto da súa obra. Pola tarde, a partir das 17,00 horas, a arquitecta Rosa Rubio-Hernández impartirá a conferencia Once palabras para falar do vidro; e a continuación, ás 19 horas, o tamén arquitecto Carlos Puente Fernández disertará sobre A memoria como ferramenta do proxecto.

Coa celebración do programa A longa sombra dalgunha cousas, o encontro Corazón da Artesanía de Agolada segue apostando por converterse nun espazo de diálogo entre artesanía, deseño, arquitectura e moda, de reflexión sobre o proceso creativo e de novas propostas sobre a interacción da artesanía no desenvolvemento do rural.

O amplo programa de actividades da feira inclúe tamén a participación de 44 obradoiros que representan a ampla variedade de oficios do sector artesán galego e de 49 postos de produtos alimentarios de calidade, así como talleres participativos, actividades para achegar o público infantil á artesanía e cursos de formación especializada para artesáns e público interesado no mundo da artesanía, como é a cestería, a restauración de cadeiras, a encadernación, a ourivería e un obradoiro de percusión tradicional e gaita tradicional.

29 de xuño de 2016 | 18:35 • Sen comentarios

Comentarios pechados.