publicidade hoxe
Publicidade
omeulibro1

O encarcerado polo crime de San Fiz mantén a súa inocencia e pide unha segunda liña de investigación

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaCastro de ReiLocal PortadaPortada dereitaSucesos
A-
A+
Europa Press

Ibrahima N., o home de orixe senegalesa encarcerado polo crime da moza de Castro de Rei Tatiana Vázquez en San Fiz, en Lugo, non variou a súa postura e mantén que é “inocente”, á vez que aproveitou a súa nova declaración ante o titular do Xulgado de Instrución número 3 de Lugo, Sergio Orduña, para pedir que se abra “unha segunda liña de investigación”.

De feito, antes de que volvese prestar declaración no xulgado, o seu avogado, César Lodos, explicou que segue á espera da resposta ao recurso presentado ante a Audiencia Provincial para que sexa excarcerado, dado que desde que foi detido o 11 de abril, dous días despois do crime, permanece na prisión de Bonxe.

“Imaxínome que na Audiencia estarían a esperar á declaración de hoxe para resolver, e supoño que mañá ou pasadomañá como moi tarde teremos a resolución da Audiencia xa”, manifestou.

En canto ás novas probas, sinalou que se solicitou “facer unha análise completo á gorra (de Ibrahima) a ver se se obtiña algún resultado, por ADN, sangue ou outro tipo de fluídos, pero en principio vai ser negativo”.

Das cabichas que apareceron xunto ao coche, onde se atopaba o corpo de Tatiana nun escampado de San Fiz (Lugo), o avogado lucense esgrimiu que o “ADN que presentan é feminino e non está na base de datos da policía”.

“EN PUNTO MORTO”

“Unha vez que se cotexou non apareceu ninguén que puidese ser compatible. Unha das bases da investigación era situar a Ibrahima con esas cabichas, pero por desgraza para a investigación estamos en punto morto”, lamentou.

César Lodos reafirmouse en que “non” hai ningún indicio, nin proba, que sitúe ao seu cliente no lugar do crime. “Absolutamente ningunha; o máis próximo que hai é unha cámara a bastantes metros do lugar do crime na que se pode supor que é Ibrahima ou calquera persoa que pase por alí”, esgrimiu.

“Non hai absolutamente nada que poida incriminar a Ibrahima, e pola actitude cara a min, neste momento, ségueme parecendo o dunha persoa que é inocente”, proclamou, para reiterar que, segundo o testemuño do home, na noite do crime, “Tatiana deixouno preto da pensión (en San Roque) e despois saíu a pasear”.

VARIAS TESTEMUÑAS

Polo xulgado pasaron este luns seis testemuñas de orixe senegalesa, ademais dun amigo e unha veciña de Castro de Rei, onde reside a familia da vítima.

César Lodos destacou que esas declaracións tampouco “incriminan” ao seu defendido. “Basicamente aquí falouse de tempos pasados, de como era Ibrahima e de se ía moito ás súas casas ou non. Para min, cousas que non son relevantes”, subliñou.

O home detido e encarcerado polo crime de San Fiz chegou media hora antes da súa citación (prevista para as 11,15 horas) -aínda que finalmente atrasouse a declaración- custodiado nun furgón da Garda Civil e tratando de ocultar o seu rostro cunha capucha.

6 de xuño de 2016 | 16:35 • Sen comentarios

Comentarios pechados.