publicidade hoxe

O DOG publica o inicio das expropiacións para a mellora da estrada LU-124, entre Lindín e A Cruz da Cancela

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLugoMondoñedo
A-
A+

O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe o inicio de proceso de expropiacións para a mellora da estrada LU-124, entre Lindín e A Cruz da Cancela, no concello de Mondoñedo, na que se investirán 1,68 millóns de euros. O Decreto de utilidade pública comprende as expropiacións dos 100 predios necesarios para a ampliación e mellora desta estrada autonómica, por importe de case 125.000 euros.

As obras teñen por obxecto mellorar a seguridade viaria da estrada que dá acceso á Autovía do Cantábrico cos municipios da Pontenova, Riotorto e A Pastoriza e a previsión é licitalas este verán.

A mellora definida na estrada no treito comprendido entre o enlace de Lindín da autovía A-8 e A Cruz da Cancela pretende acadar unha maior seguridade e comodidade dos usuarios da vía. Deste xeito, facilitaranse os desprazamentos desde a autovía do Cantábrico cara aos municipios da Pontenova, Riotorto e A Pastoriza.

As obras levaranse a cabo entre os puntos quilométricos 9+465 (enlace coa autovía) e 15+294 (glorieta existente na intersección coa LU-122, limítrofe co Concello de Riotorto). Realizaranse con criterios semellantes aos adoptados na mellora realizada en 2015 no tramo comprendido entre o núcleo de Mondoñedo e o enlace de Lindín desta vía, na cal a Xunta investiu máis de 700.000 euros.

Os traballos previstos nesta estrada inclúen a ampliación da calzada ata acadar unha sección de 6,5 metros e a mellora dos elementos de drenaxe, tanto dos lonxitudinais, executando gabias tendidas de seguridade, como dos transversais á infraestrutura, que serán substituídos nalgúns casos para ampliar a súa capacidade. Ademais, disporase unha nova capa de rodadura en todo o tramo.

10 de xuño de 2016 | 12:18 • Sen comentarios

Comentarios pechados.