publicidade hoxe

O DOG publica a orde de aprobación do PXOM do concello de Mañón

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocal PortadaMañón
A-
A+

O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe a orde de aprobación definitiva do Plan xeral de ordenación municipal (PXOM) de Mañón, que ten entre os seus principais obxectivos impulsar o potencial turístico do concello e poñer as bases para fixar a poboación neste termo municipal. Cómpre recordar que a conselleira de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio, Beatriz Mato, asinou a orde a mediados de maio.

Grazas a este novo PXOM o concello contará cun planeamento urbanístico actualizado e de calidade, que substituirá á anterior ordenación urbanística, básica e con case catro décadas de antigüidade.

O novo PXOM recolle tres núcleos urbanos (Barqueiro, Bares e Porto de Bares) e 104 núcleos rurais. Articúlase ao redor de tres eixos: manter o carácter e a estética de vila mariñeira, poñendo en valor os espazos naturais; fixar a poboación moza a través da dotación de novos servizos e de solo industrial; e mellorar a conexión e comunicacións do municipio.

O plan xeral ten en conta o gran valor ecolóxico e paisaxístico do concello, ademais de potenciar o seu carácter eminentemente rural. O obxectivo é compaxinar residencia e desenvolvemento sostible, protexendo as zonas máis valoradas. Así, o PXOM defende os valores naturais ao recoñecer: os espazos incluídos na Rede Natura identificados como LIC Estaca de Bares; a ampliación da Rede Natura do Río Sor e a A Faladoira; e o espazo natural denominado como Estuario do río Sor.

En canto á poboación, o novo planeamento dotará ao municipio de zonas que poidan absorber posibles crecementos dentro dun marco ordenado. Ademais, pensando na xente moza, recolle tamén a previsión de dotacións e equipamentos que faciliten unha residencia acorde cos tempos actuais.

O PXOM fai fincapé tamén no desenvolvemento industrial, para atraer poboación que actualmente se despraza a traballar noutras zonas. En concreto, establece a reserva de 121.697 metros cadrados de solo empresarial, o que dá resposta ás demandas de concellos e empresarios.

Asemade, o planeamento tamén porá en valor o sistema viario e as comunicacións de Mañón. Así, resérvase solo para a creación do tramo da Vía de alta capacidade Ferrol-Barreiros, que atravesa o municipio pola zona norte.

6 de xuño de 2016 | 16:58 • Sen comentarios

Comentarios pechados.