O DOG publica a licitación da ampliación do pontón na estrada Cachafeiro Vilapouca
A Consellería de Infraestruturas e Vivenda, a través da Axencia Galega de Infraestruturas (AXI), publica hoxe no Diario Oficial de Galicia (DOG) a licitación por algo máis de 105.000 euros a ampliación dun pontón na estrada Cachafeiro-Vilapouca (PO-536),concretamente no punto quilométrico 3+770 ao seu paso polo Concello pontevedrés de Forcarei. O prazo de execución é de 12 semanas.
Esta vía comunica os dous parques empresariais de Forcarei: o situado en Cachafeiro (A Freixeira) e o de Vilapouca (David Raposeiras), polo que as accións acometidas redundarán directamente en beneficio dos traballadores que, día a día, circulan pola PO-536 para desprazarse ata o seu lugar de traballo. Esta intervención dá resposta a unha vella demanda veciñal, polo que foi necesario a mellora dun vial moi utilizada polos veciños do municipio.
Esta actuación complementa á finalizada en xaneiro do pasado ano, o reformado de adaptación ao Plan de Baixa IMD mellorada da estrada po-536 Cachafeiro-Vilapouca, que requirió de una inversión de case 790.000 euros.
A obra consistiu nunha pequena ampliación da plataforma da estrada entre 0,5 e un metro e a execución de gabias de seguridade transitables, ademais da rehabilitación de firme, que supuxo unha importante mellora das características deste vial.