publicidade hoxe
Publicidade
omeulibro1

Nava Castro presenta aos rexedores do Camiño do Norte o proxecto de sinalización e mellora desta ruta

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLugoVilalba
A-
A+
Nava Castro detalla as obras de recuperación, sinalización e mellora do Camiño do Norte

Nava Castro detalla as obras de recuperación, sinalización e mellora do Camiño do Norte

A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, detallou as obras de recuperación, sinalización e mellora do Camiño do Norte que o seu departamento realiza para a adaptación do itinerario á delimitación oficial, proxecto que conta cun investimento de 2,3 millóns de euros. Con este fin, a directora mantivo esta mañá unha reunión de traballo, xunto coa delegada territorial da Xunta, Raquel Arias, na que presentou o estado da actuación aos alcaldes dos municipios da ruta.

Os traballos están próximos á súa adxudicación coa previsión de que se poidan iniciar no vindeiro mes de agosto e levaranse a cabo por treitos: de Ribadeo a Lourenzá e de Trabada a Lourenzá; de Mondoñedo a Vilalba e entre Lourenzá e Abadín; de Guitiriz a Friol e de Sobrado a Arzúa; e entre Sobrado e O Pino. Nava Castro aproveitou a ocasión para lembrar que a Xunta de Galicia queda á disposición dos concellos para resolver calquera dúbida.

A directora explicou que se incorporará unha sinalización provisional de obra para que o Camiño nunca deixe de estar sinalizado. Así mesmo, afirmou que o obxectivo é unificar e harmonizar a sinalización do Camiño de Santiago, un dos símbolos de Galicia, e ofrecer un mellor servizo os cada vez máis peregrinos que se decantan por este itinerario, que foi o terceiro máis transitado o ano pasado.

Neste sentido, en 2015 rexistráronse un total de 15.828 peregrinos que chegaron a Compostela polo Camiño do Norte, un 6,03% do total, sendo 3.388 os que recibiu esta vía no que vai de ano.

Detalle dos traballos a realizar

As obras previstas actuarán sobre a sinalización existente e tamén sobre o estado de accesibilidade do Camiño. Limparanse as cunetas e os noiros para evitar, entre outras cuestións, que se inunde a superficie de paso. Formaranse explanadas nos camiños de nova apertura e retirarase a terra vexetal. Todas estas actuacións realizaranse coas máximas garantías de respecto aos valores tradicionais.

En canto á sinalización, colocaranse mouteiras, cunchas cerámicas ou de bronce, placas e outros sinais atendendo ao Manual de Sinalización Turístico de Galicia e corrixiranse os desfases de quilometraxe que se derivan da nova delimitación. En relación a este asunto, a directora afirmou que se comprobou unha diferenza de tres quilómetros entre os puntos quilométricos marcados nas mouteiras e nova delimitación, polo que se considerou necesario colocar novas placas para reflectir as novas distancias.

A actual sinalización do Camiño dispón que as mouteiras se colocarán cada 500 metros no trazado principal ou ao inicio e final cando son itinerarios complementarios ou de vestixios históricos. As mesmas deben ser de granito, con frecha tallada e pintada en amarelo, placa de latón co punto quilométrico e co texto “Galicia” gravado. Tamén se disporán mouteiras co nome do concello tallado naqueles lugares máis representativos.

En canto ás cunchas, serán de cerámica e colocadas en horizontal cunha frecha das mesmas dimensións indicativa da dirección. Nos lugares considerados Ben de Interese Cultural disporanse cunchas de bronce e nas zonas máis urbanas que discorran por estrada, sinais metálicas.

16 de xuño de 2016 | 17:39 • Sen comentarios

Comentarios pechados.