publicidade hoxe

Nava Castro asegura que ‘La Vuelta 2016’ é unha oportunidade única para a internacionalización de Galicia

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaDeportesDeportes PortadaOurense
A-
A+

A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, celebrou o “acento galego” do spot oficial de La Vuelta 2016, rodado integramente na Comunidade e con artistas da terra, e que o evento teña Galicia como lugar de saída por oitava vez na súa historia. Neste sentido, a responsable de Turismo da Xunta enxalzou a “oportunidade única” que supoñen ambos fitos para continuar coa internacionalización da Comunidade como destino xa que en 2014 a competición foi seguida por 190 países dos cinco continentes.

A responsable autonómica fixo hoxe estas valoracións na presentación do spot oficial do evento, que este ano celebra a súa 71ª edición. No acto tamén participaron o director xeral de La Vuelta a España, Javier Guillén, o secretario xeral para o Deporte, José Ramón Lete Lasa, o presidente da Deputación, José Manuel Baltar, e a delegada territorial da Xunta, Marisol Díaz Mouteira.

A directora de Turismo de Galicia fixo fincapé en que Galicia ocupa un lugar destacado neste encontro deportivo xa que a saída será o 20 de agosto desde Ourense Termal cunha contrarreloxo por equipos. Neste sentido, explicou que se marcará un novo fito histórico para a Comunidade, ao igual que sucedeu en 2013 co sorprendente comezo desde unha batea ou cando en 2014 a final compartiu meta co Camiño de Santiago.

Ao respecto, Nava Castro sinalou que as sete primeiras etapas do evento tamén se desenvolverán en terras galegas, xerando novos lugares emblemáticos do ciclismo mundial como xa son as ramplas do Ézaro, o porto dos Ancares ou as bateas das rías de Arousa e de Vigo. Ademais, afirmou que o desenvolvemento da competición terá un grande impacto mediático e económico na Comunidade, que no ano 2014 congregou máis de 2 millóns de persoas ao seu paso por Galicia.

Spot de “La Vuelta 2016”

O vídeo promocional presentado, denominado “El ganador”, rodouse integramente en terras galegas e incorpora a canción oficial do evento, interpretada pola cantante galega Marta Sánchez, que nos seus 30 anos de carreira profesional superou os 8 millóns de discos vendidos. Tanto para a interpretación da canción coma para a gravación do anuncio, Marta Sánchez contou coa colaboración de dous artistas tamén galegos, Daniel Minimalia e Anxo Lorenzo.

A directora de Turismo de Galicia subliñou que a emisión do anuncio, que se realizará en Televisión Española entre os meses de xullo e setembro, levará aos fogares españois as paisaxes e a cultura galegas, o que cualificou como “unha magnífica ferramenta para dar a coñecer a sorprendente natureza, a excelente enogastronomía e o noso importante patrimonio cultural”.

7 de xuño de 2016 | 17:34 • Sen comentarios

Comentarios pechados.