publicidade hoxe

Monforte acollerá unha convención para constituír a Rede de Cidades e Territorios Creativos de España

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLugoMonforte de Lemos
A-
A+

Monforte de Lemos vai acoller os vindeiros días 1, 2 e 3 de xullo unha convención na que quedará constituída a Rede de Cidades e Territorios Creativos de España. Trátase dunha iniciativa do Máster en Economía Creativa, Xestión Cultural e Desenvolvemento da Universidade Rey Juan Carlos de Madrid, no que imparte clases a monfortina Belén Elisa Díaz. Concello e Deputación de Lugo colaboran con este proxecto.

O Alcalde, José Tomé Roca, destacou que “este evento, que cumprirá a súa cuarta edición, vai contribuír a difundir o nome de Monforte por toda España, posto que as anteriores edicións realizáronse en Barcelona, en Santander e en Gran Canaria”. O Rexedor afirmou tamén que “nós queremos sumarnos á constitución da Rede de Cidades e Territorios Creativos de España porque consideramos que sempre é de interese participar en todo aquilo que sirva para promocionar a nosa cidade e tamén para compartir experiencias con outras cidades e territorios do Estado”.

A primeira xornada, que é o venres 1 de xullo, vai estar dedicada a Miguel de Cervantes e á súa relación con Monforte. O mandatario local fixo fincapé en que “o evento vai ser unha boa oportunidade para conmemorar o 400 aniversario do pasamento de Cervantes”.

O desenvolvemento da convención vai ser posible tamén grazas á colaboración do organismo provincial: “na Deputación de Lugo apostamos fortemente polo emprendemento como unha saída laboral con moito futuro. Neste caso, trátase dun proxecto dunha emprendedora lucense, concretamente monfortina, como é Belén Elisa Díaz e non podemos deixar escapar ós nosos emprendedores”, destacou o deputado Eduardo Vidal durante a roda de prensa.

Polo de agora, o programa da Convención aínda non está completamente pechado, pero a súa organizadora, Belén Elisa Díaz, confía en poder contar con destacadas figuras do mundo do cine e da moda, entre outras disciplinas artísticas. Un dos nomes que si está confirmado é o da escritora Espido Freire.

20 de xuño de 2016 | 18:04 • Sen comentarios

Comentarios pechados.