publicidade hoxe

Medio Rural entrega dúas motobombas aos concellos da Estrada e Mos para a loita contra os incendios forestais

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA EstradaMosPontevedra
A-
A+
A conselleira Ángeles Vázquez na entrega das motobombas

A conselleira Ángeles Vázquez na entrega das motobombas

A un mes de comezar a tempada de alto risco de incendios, a conselleira do Medio Rural, Ángeles Vázquez, entregou esta mañá en Pontevedra dúas motobombas aos concellos da Estrada e Mos, co obxectivo de reforzar así a loita contra os incendios forestais.

Acompañada polo director xeral de Ordenación e Produción Forestal, Tomás Fernández-Couto, a conselleira sinalou que esta cesión súmase ás 57 motobombas entregadas o pasado mes de marzo, nun acto presidido polo presidente da Xunta, e que supuxeron un investimento de máis de 11 millóns de euros. Nesta ocasión, os dous vehículos entregados teñen unha capacidade de 4.000 litros.

Ángeles Vázquez destacou o compromiso do seu departamento na loita contra os lumes forestais e avanzou que, en breves, se entregarán máis motobombas a outros concellos galegos. Deste xeito, o traballo da Xunta vese reforzado co das administracións locais, que -ao fin e ao cabo- son as que mellor coñecen o seu territorio.

Para a campaña de alto risco de incendios forestais, que comeza o vindeiro 1 de xullo, o Goberno galego contará con preto de 7.000 persoas que participan no dispositivo antiincendios, entre efectivos da Xunta, persoal do Ministerio, do Exército e dos Corpos e Forzas de Seguridade do Estado. Galicia contará con arredor dunha trintena de medios aéreos –entre os propios da Xunta e os que aporta o Estado– e 360 motobombas da Xunta, dos concellos e dos parques de bombeiros, aos que se engaden cisternas, pas e outros vehículos.

A conselleira sinalou que a nosa Comunidade destaca polo seu dispositivo de loita contra incendios, pero incidiu en que é preciso concienciar á cidadanía para intentar diminuír desde o primeiro momento o risco dun lume, xa que o monte é patrimonio de todos. Por iso a Consellería aposta pola prevención, vixilancia e disuasión para que os montes galegos deixen de ser vítimas e poidan revalorizarse.

3 de xuño de 2016 | 16:41 • Sen comentarios

Comentarios pechados.