publicidade hoxe

Medio Ambiente mellora as redes de abastecemento e saneamento no concello de Oímbra

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaOímbra
A-
A+

A Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio colaborará co Concello de Oímbra na mellora das redes de abastecemento e saneamento en Oímbra, cun importe de máis de 200.000 euros

A conselleira de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio, Beatriz Mato, e a alcaldesa de Oímbra, Ana Vilarino Pardo, asinaron un convenio de colaboración, polo que se executarán novas redes de saneamento, recollida de augas pluviais e abastecemento na rúa do Tanque e actuacións de mellora da estación depuradora. Aproveitarase a apertura das canles para o soterramento doutros servizos urbanos, como alumeado público, electricidade en baixa tensión e telefonía.

As obras proxectadas no núcleo de Oímbra consisten en renovar a rede de abastecemento en mal estado e evitar así os problemas derivados das fugas e filtracións, así como a rede de saneamento, e o mesmo tempo vaise completando a rede de pluviais, deixando enterradas as canalizacións de instalacións.

As obras consisten en renovar a rede e abastecemento, a rede de saneamento, e completar a rede de pluviais. Así, en relación coa rede de saneamento na rúa do Tanque executarase un único ramal de case 75 metros; que se completará coa rede de pluviais cunha tubaxe da mesma lonxitude.

As obras na rede de abastecemento implicarán a substitución da rede actual de abastecemento, en gran parte en PVC, por polietileno (maior resistencia en tubaxe a presión), de igual sección ao resto do núcleo que se renovou. Realizarase un único ramal de 74 metros que se completa con unha boca de rego e tres chaves de paso.

Ademais destas actuacións na rúa do Tanque tamén se realizarán varias actuacións de mellora da estación depuradora de Oímbra que se consideran necesarias para garantir o seu bo funcionamento.

Con esta iniciativa a Consellería de Medio Ambiente pretende dotar de servizo de abastecemento e saneamento axeitado e con todas as garantías sanitarias aos veciños do concello de Oímbra, sobre todo tendo en conta que dispón dunha rede de servizos de abastecemento e saneamento bastante obsoletas, cunha antigüidade superior a 30 anos, polo que as roturas e perdas continuas moi frecuentes.

21 de xuño de 2016 | 19:47 • Sen comentarios

Comentarios pechados.