publicidade hoxe

Medio Ambiente licita por 380.000 euros as obras de acondicionamento do aparcadoiro e accesos ao cemiterio de Petelos

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaMos
A-
A+

A Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio licita hoxe no Diario Oficial de Galicia as obras de acondicionamento do aparcadoiro e accesos ao cemiterio de Petelos, no Concello de Mos, por un importe de máis de 380.000 euros (386.047,15 €).

As obras permitirán a integración da zona do aparcadoiro e do cemiterio municipal de Petelos na área da Casa Consistorial e mellorará a calidade de vida dos máis de 15.000 veciños e veciñas deste concello.

A importancia desta nova actuación reside na integración destes espazos na contorna, apostando pola humanización que rodea a casa consistorial. No que se refire ao aparcadoiro, executarase unha área superficial como continuación da praza da igrexa e prolongarase o pavimento e plantarase céspede, dando unidade ao conxunto e permitindo usos puntuais diversos cando sexa necesario (festas patronais, manifestacións relixiosas, etc.). Tamén se delimitará o acceso rodado e peonil ao cemiterio de Petelos, achegando comodidade aos veciños ao mesmo tempo que se mellora o aspecto visual do contorno.

Esta nova actuación é a terceira que se executa neste concello a cargo do Plan HURBE, pois en 2010 levouse a cabo o acondicionamento e pavimentación da contorna da igrexa de Santa Eulalia, cun investimento de preto de 95.000 euros; e no pasado ano executouse a reposición dun muro de contención en A Rans, na parroquia de Tameiga, cun investimento de 45.000 euros. Así, o investimento destinado ata a data en Mos a través do Plan HURBE achégase aos 525.000 euros.

Cómpre lembrar que a conselleira de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio, Beatriz Mato, e a alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo, asinaron o convenio de colaboración en abril, que permitirá humanizar e mellorar este espazo público. O prazo de presentación de ofertas é de 26 días naturas a partir de mañá; polo que a previsión da Consellería é adxudicar esta actuación ao longo do vindeiro mes.

Plan Hurbe

O Plan HURBE é un programa de actuación que a Xunta impulsou en 2010 para dar resposta á necesidade de humanización das vilas de Galicia. Tendo en conta o modelo social de integración cidadá, busca o achegamento dos entramados urbanos aos seus habitantes mediante a adecuación e creación de espazos públicos para as necesidades vixentes.

Segundo o Plan de investimentos da Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio, a Consellería destinará este ano máis de seis millóns de euros a este Plan, aos que se sumarán cinco novos millóns de euros, é dicir, 11 millóns de euros. O orzamento destinarase, principalmente, á humanización de rúas e á urbanización e mellora de espazos públicos.

Entre outros beneficios, o HURBE favorece a sostibilidade futura compatibilizando o desenvolvemento económico e a agrupación en torno aos núcleos de poboación con criterios de ordenación territorial e habitabilidade, recupera espazos públicos que foron perdendo o seu carácter de áreas de interacción social por un inadecuado desenvolvemento urbanístico, e potencia a conservación dos equipamentos urbanos patrimonio histórico das nosas vilas.

7 de xuño de 2016 | 17:12 • Sen comentarios

Comentarios pechados.