publicidade hoxe

Medio Ambiente destina 260.000 euros á mellora do lastrado dun tramo do Camiño Real en Melón

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaMelón
A-
A+
Beatriz Mato na reunión coa alcaldesa de Melón. Foto: X. Crespo

Beatriz Mato na reunión coa alcaldesa de Melón. Foto: X. Crespo

A Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio destinará un orzamento de 260.000 euros (267.082,98 €) ás obras de lastrado do Camiño Real entre os núcleos de Melón e A Ponte. Así se establece no convenio de colaboración asinado pola conselleira de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio, Beatriz Mato, e a alcaldesa de Melón, Cristina Francisco, que foi ratificado polo Consello da Xunta.

O ámbito no que se actuará abarca o Camiño Real, entre os núcleos de Melón e A Ponte, e consistirá no lastrado no ámbito que transcorre pola parte oeste do Mosteiro da Nosa Señora de Melón ata a ponte sobre o río da Cortella, que se atopa no lugar de Ponte. Trátase dunha actuación que se enmarca dentro do Plan Hurbe, que a Xunta vén executando para dar resposta á necesidade de humanización das vilas de Galicia.

Con esta actuación preténdese harmonizar este tramo de viario entre os dous núcleos do concello ourensán co resto dos elementos patrimoniais que conforman o ámbito, de alto interese etnográfico, como son: casas de tipoloxía tradicional, a parte posterior do Mosteiro da Nosa Señora de Melón ou as acequias de rego (canais de rego tradicionais).

Ademais, implicará a execución de canalizacións para o soterramento da liña eléctrica para o alumeado público, de forma que se poda eliminar destes contornos o entramado aéreo e os báculos da rede; ao mesmo tempo que se eliminarán elementos discordantes na contorna, coas que se pretende reformar e dar continuación a un proceso de humanización, restauración e adaptación dos lugares de maior interese social que este concello comezou hai varios anos.

Tal e como sinalou a conselleira, a necesidade desta actuación radica na cantidade de conducións eléctricas aéreas que cruzan a contorno. Por outra parte, existen motivacións de tipo estético e social, enmarcadas no ámbito do deseño urbanístico, onde predominan uns viarios históricos máis ben estreitos, pouco enmarcados na tipoloxía rural e pouco acorde cos materiais tradicionais que deben imperar na construción e remodelación dos núcleos rurais.

Polo tanto, enténdese a necesidade de crear un ambiente máis favorable para os peóns, unha revalorización do patrimonio arquitectónico e mellorar a calidade dos espazos públicos, facéndoos máis atractivos dende o punto de vista ambiental, social e económico, de maneira que se creen as condicións idóneas para a convivencia social.

Por outro lado, a conselleira de Medio Ambiente destacou o esforzo que vén realizando o Goberno galego neste concello, xa que esta nova actuación súmase ás dúas executadas con anterioridade e que implicaron un investimento de máis de 360.000 euros. Beatriz Mato recordou que no ano 2010 se asinou un convenio para a remodelación da rúa Calvo Sotelo (segunda fase) por un importe de 216.000 euros; e máis recentemente, no ano 2014, asinouse unha colaboración para a execución das obras de adoquinado do viario público en Quins, cun orzamento de case 150.000 euros.

Plan Hurbe

O Plan Hurbe é un programa de actuación que a Xunta impulsou en 2010 para dar resposta á necesidade de humanización das vilas de Galicia. Tendo en conta o modelo social de integración cidadá, busca o achegamento dos entramados urbanos aos seus habitantes mediante a adecuación e creación de espazos públicos para as necesidades vixentes.

Segundo o Plan de investimentos da Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio, a Consellería destinará este ano máis de seis millóns de euros a este Plan, aos que se sumarán cinco novos millóns de euros, é dicir, 11 millóns de euros. O orzamento destinarase, principalmente, á humanización de rúas e á urbanización e mellora de espazos públicos.

Entre outros beneficios, o Hurbe favorece a sustentabilidade futura compatibilizando o desenvolvemento económico e a agrupación en torno aos núcleos de poboación con criterios de ordenación territorial e habitabilidade, recupera espazos públicos que foron perdendo o seu carácter de áreas de interacción social por un inadecuado desenvolvemento urbanístico, e potencia a conservación dos equipamentos urbanos patrimonio histórico das nosas vilas.

17 de xuño de 2016 | 17:20 • Sen comentarios

Comentarios pechados.