publicidade hoxe

Luis Menor sinala o coñecemento previo e planificado dos riscos como clave para intervir en casos de emerxencias ferroviarias

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA Estrada
A-
A+

O director xeral de Emerxencias e Interior da Xunta de Galicia, Luis Menor, destacou hoxe que só desde o coñecemento previo e planificado do risco poderase garantir unha actuación eficaz e segura en caso de emerxencias ferroviarias.

Durante a inauguración da xornada sobre a Intervención en Emerxencias na rede ferroviaria de Galicia, Luis Menor subliñou a importancia de ter planificada e prevista unha intervención no caso dun accidente que requira de medios alleos aos previstos nos propios plans de autoprotección de ADIF.

O director xeral explicou que a xornada se enmarca no ámbito da colaboración que leva desenvolvendo a Dirección Xeral de Emerxencias e Interior e ADIF no campo da protección civil e atención ás Emerxencias, desde xa hai moitos anos, tanto para impartir formación a través da Academia Galega de Seguridade Pública (Agasp), como na organización e participación nos simulacros que periodicamente se realizan en distintos tramos da rede, fundamentalmente nos túneles.

Luis Menor tamén destacou que durante a xornada coñeceranse os medios específicos cos que conta ADIF para atención ás Emerxencias en túneles e os procedementos de acceso á traza ferroviaria, fundamentais para asegurar a seguridade da nosa actuación. Así como os instrumentos de planificación cos que conta o Administrador, fundamentalmente o Plan Director de Actuación en Emerxencias e a integración dos plans de autoprotección no Plan Territorial de Emerxencias de Galicia.

A xornada formativa sobre emerxencias na rede ferroviaria de Galicia celébrase hoxe na Academia Galega de Seguridade Pública, está organizada polo Administrador de Infraestruturas Ferroviarias (ADIF) e conta coa participación, entre outros, de Francisco Ortega, xerente da Área de Protección e Seguridade da zona Noroeste.

21 de xuño de 2016 | 11:53 • Sen comentarios

Comentarios pechados.