publicidade hoxe
Publicidade
omeulibro1

López-Chaves visita o CEIP Doutor Suárez de Fornelos de Montes no que se executará a renovación da súa cuberta

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaFornelos de Montes
A-
A+
López-Chaves na visita ao Ceip Doutor Suárez

López-Chaves na visita ao Ceip Doutor Suárez

O delegado territorial da Xunta en Vigo, Ignacio López-Chaves, xunto co xefe territorial de Educación, César Pérez Ares, e membros da unidade técnica do departamento territorial da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, visitaron esta mañá o CEIP Doutor Suárez de Fornelos de Montes con motivo da renovación da cuberta do centro por parte da Xunta de Galicia.

Durante a visita estiveron presentes o alcalde do concello de Fornelos de Montes, Emiliano Lage, e o equipo directivo do centro, formado polo director Jesús Martínez e a secretaria do centro, Mónica Vázquez. Tamén acudiron responsables da ANPA en representación dos pais e nais de alumnos.

Como constataron os técnicos, nos últimos anos víñanse observando diversos problemas relacionados con filtracións de auga no edificio. Así pois, o Goberno galego e dentro das reformas a cargo do RAM (reforma, ampliación e mellora), destinará un total de 158.000 euros para a renovación da cuberta co obxectivo de eliminar estes problemas de filtración. Trátase, polo tanto, dunha “obra prioritaria” que responde ás necesidades do colexio. Coma valorou o delegado, é unha actuación “para mellorar a infraestrutura escolar de Fornelos”.

As obras afectarán un total de 1,571 metros cadrados e consistirán na substitución da cuberta antiga de tella por unha nova. Esta nova cuberta será máis moderna e estará formada por un panel tipo sándwich, con canelóns e con todas as características precisas para executar a substitución. Con este cambio se mellorará a eficiencia enerxética e o illamento térmico do colexio, que conta con preto de 100 alumnos.

Os traballos comezarán este verán e terán unha duración de mes e medio. Deste xeito aprovéitase o período de vacacións co fin de non interceder no normal funcionamento do centro de educación infantil e primaria durante o próximo curso escolar.

O CEIP Doutor Suárez desenvolve contratos-programa, concretamente a liña 1 conta cun PROA (Programa de reforzo, orientación e apoio) e tamén ten Plan de mellora de bibliotecas escolares (Plambe).

22 de xuño de 2016 | 16:33 • Sen comentarios

Comentarios pechados.