publicidade hoxe
Publicidade
omeulibro1

Galiforest Abanca celebra a súa maior edición aumentando un 62% a superficie e un 27% os expositores directos

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaBoqueixón
A-
A+

A Feira Internacional de Galicia ABANCA ultima a cuarta edición do seu Monográfico Forestal Internacional para o Sur de Europa, Galiforest Abanca 2016, estando xa pechadas as cifras expositivas que conformarán o certame do 30 de xuño ao 2 de xullo no monte e instalacións do Centro de Formación e Experimentación Agroforestal de Sergude (Boqueixón).

En canto á súa área expositiva, contará cunha superficie de  9.108 metros cadrados netos, o que supón que superará nun 62% o espazo ocupado na pasada convocatoria, cando ascendera a 5.639 metros cadrados. Así mesmo, superará nun 104% a da edición de 2012, cando foran 4.454 e nun 22% a de 2010, cando se ocuparan7.485 metros.

Este espazo será ocupado por moitas das máis destacadas empresas do sector, contando Galiforest Abanca 2016 con 56 expositores directos, un 27% máis que en 2014, cando foran 44. Esta cifra supón tamén un 40% máis que en 2012 e 2010, anos nos que estiveran presentes en ambos casos 40 empresas.

Estes expositores directos sumados aos indirectos representados  por eles darán lugar a un total de 180 firmas expositoras, o que supón un 34% máis que en 2014, cando ascenderan a 134; un 93% máis que en 2012 (foran 93)  e un 63% máis que en 2010 (sumaban 110).

Todo elo converte a Galiforest Abanca 2016 na maior edición celebrada ata o momento tanto en superficie como en presenza expositiva, e consolida ao certame como punto de encontro do sector forestal para a xeración de negocio e a mostra do último en explotación forestal, primeira transformación e aproveitamento da biomasa. Así mesmo, supón un paso xigante de cara a convertese na principal feira do sector forestal de España e unha das principais en Europa. 

Centro Agroforestal de Sergude

Esta positiva evolución de Galiforest Abanca débese en boa parte a súa excelente ubicación nas instalacións e o monte do Centro de Formación e Experimentación Agroforestal de Sergude, o cal permite levar a cabo este certame nun lugar real de traballo, no cal poder mostrar e ver o funcionamento da maquinaria exposta, e ao mesmo tempo ofrecer aos participantes un fácil acceso, excelentes infraestruturas e unha boa comunicación.

Pero o Centro Agroforestal de Sergude non só é a mellor localización posible para Galiforest Abanca, senón que se trata dun centro cunha interesante oferta formativa de grao medio en “Aproveitamento e Conservación do Medio Natural” e “Produción Agropecuaria” que no curso 2016/2017 se implementará cun grao superior de “Gandaría e Asistencia en Sanidade Animal”, sendo o único centro público de Galicia que ofrecerá este último ciclo e que conta co de “Produción Agropecuaria”. Así mesmo, ofrece unha ampla actividade en formación continua e destaca a súa colaboración e cesión de instalacións a servizos moi diversos, entre moitos outros, a Universidade de Santiago de Compostela,  Agencia Estatal de Meteorología, Servizo de Prevención e Defensa Contra Incendios ou  Instituto Galego de Calidade Alimentaria.

O Centro, que forma a estudantes dende o ano 1975, conta con dous edificios principais que inclúen oficinas, salón de actos, sala de catas, residencia de estudantes e a Unidade de Tecnoloxía de Muxidura, e cun amplo terreo do que 25 hectáreas son para uso agropecuario e 65 para uso forestal. Existen noutras edificacións aula de caza e pesca, aula apícola e talleres de maquinaria, os cales dispoñen de máquinas para actividades agrícolas e aproveitamento forestal. Ademais, dispón de instalacións gandeiras, invernadoiro, horta exterior e plantación de frutais. Actualmente ten unha cabana de 40 animais de gando vacún de raza frisona, ademais de porcos celtas, cabras de raza galega e abellas

27 de xuño de 2016 | 11:54 • Sen comentarios

Comentarios pechados.