publicidade hoxe
Publicidade
omeulibro1

Francisco Conde destaca que a través da innovación Galicia busca liderar o futuro do sector agroalimentario

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocal PortadaSan Cibrao das Viñas
A-
A+
Intervención do conselleiro Francisco Conde

Intervención do conselleiro Francisco Conde

O conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, salientou hoxe na xornada “Novas tendencias en alimentos: Estratexias diferenciais do sector cárnico”, celebrada no Centro Tecnolóxico da Carne (CTC) en San Cibrao das Viñas que Galicia busca liderar o futuro do sector agroalimentario apostando pola innovación, e consolidándose así como un dos grandes referentes do sector a nivel europeo.

O encontro celebrouse no marco da Unidade Mixta que desenvolven o CTC, Coren e Gain, cun investimento de 24 millóns de euros, e que permitirá que as empresas cárnicas conten con solucións innovadoras para afrontar os grande retos de futuro do sector e transferilas ao mercado. A Unidade fará que as explotacións sexan máis eficientes e rendibles, impulsando a creación de produtos innovadores e de maior calidade e mellorando a xestión responsable de residuos, a través de 7 proxectos que supoñen 90 empregos.

Un destes proxectos, Nutrigrups, céntrase no desenvolvemento de alimentos funcionais innovadores, e segue as tendencias de futuro na alimentación europea, adaptando os alimentos de base cárnica a cada un dos colectivos segundo a súa idade, impulsando desde un crecemento san ata un envellecemento saudable, dando resposta ás necesidades nutricionais específicas de bebés, nenos, adolescentes e maiores de 65 anos.

Conde resaltou a importancia deste proxecto para o sector cárnico, que emprega a preto de 9.000 persoas e conta cunha facturación de 1.400 millóns en Galicia, e apuntou que Nutrigrups permitirá desenvolver alimentos funcionais procedentes de despeces de polo, pavo e vacún, todos de procedencia galega e clasificados e tratados con todas as garantías de seguridade alimentaria para mellorar o estado nutricional de cada grupo.

O conselleiro de Economía, Emprego e Industria, que lembrou que un dos tres retos da Estratexia de Especialización Intelixente (RIS3) de Galicia se centra en modernizar o sector primario galego mediante un novo modelo de xestión dos novos recursos naturais baseados na innovación, apuntou que para seguir avanzando na retención e captación de talento, se vén de realizar unha nova convocatoria de Unidades Mixtas para sumar 25 proxectos e xerar 360 empregos altamente cualificados, promovendo a colaboración entre grandes empresas tractoras con centros de coñecemento.

Recordou tamén o conselleiro que a nova Estratexia de Impulso á Biotecnoloxía 2016-2020, que busca xerar 200 millóns en investimentos nos próximos cinco anos, busca que as empresas biotecnolóxicas funcionen como panca para aumentar a competitividade de eidos como o agro, a pesca, ou a sanidade animal, para que a través de novas ferramentas se poidan acadar melloras nos alimentos que as empresas galegas venden por todo o mundo.

30 de xuño de 2016 | 17:03 • Sen comentarios

Comentarios pechados.