publicidade hoxe
Publicidade
omeulibro1

Ethel Vázquez destaca que a senda entre Fonte Díaz e o Empalme de Vilar estará rematada en outubro

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaTouro
A-
A+
Ethel Vázquez na visita ás obras

Ethel Vázquez na visita ás obras

A conselleira de Infraestruturas e Vivenda, Ethel Vázquez, acompañada polo alcalde de Touro, Ignacio Codesido, supervisou hoxe as obras de construción da senda entre Fonte Díaz e o Empalme de Vilar, que avanzan segundo o previsto, executadas nun 25 %, e cuxo remate se prevé para o vindeiro mes de outubro.

O Goberno galego iniciou no pasado mes de abril as actuacións para a execución desta senda segura e sostible na estrada que vai de Burres ata Ponte Ulla, na AC-240. A lonxitude total da actuación supera os 6 km e conta cun investimento da Xunta de máis de 500.000 euros.

Vázquez Mourelle destacou que con este proxecto o Goberno galego pretende dotar aos preto de 4.000 veciños de Touro de sendas sostibles, seguras e integradas na paisaxe, naqueles treitos desta estrada que máis empregan nos seus desprazamentos a pé.

A titular de Infraestruturas explicou que se trata dunha actuación importante por canto se construirá unha zona diferenciada para o tránsito peonil en diversos treitos desta estrada, que permitirá que os veciños poidan realizar os seus desprazamentos habituais a pé en condicións de maior seguridade.

Os traballos consisten na execución de itinerarios peonís de formigón, cun ancho de arredor de 1,80 metros que virán completar as beirarrúas xa existentes, comunicando zonas onde se concentran os núcleos de poboación e os principais equipamentos. Construiranse máis de 5,5 quilómetros de nova senda, a maior parte deles (3,8 km) pola marxe dereita e reporanse 650 metros de sendas xa existentes.

Ethel Vázquez concretou que este itinerario peonil de Touro foi considerado prioritario dentro da primeira fase do Plan de Sendas que se está a desenvolver desde a Xunta en sete comarcas galegas, entre elas, a de Santiago.

As actuacións no Concello de Touro responden á aposta do Executivo autonómico por fomentar unha mobilidade sostible, máis respectuosa co medio, favorecendo modos de desprazamento menos contaminantes e alternativos á utilización do vehículo particular.

29 de xuño de 2016 | 18:24 • Sen comentarios

Comentarios pechados.