publicidade hoxe
Publicidade
omeulibro1

Deteñen a un vigués por medio centenar de roubos en coches en Lugo e Pontevedra

Europa Press

A Garda Civil detivo a un veciño de Vigo de 45 anos como presunto autor dun total de 44 roubos cometidos nos últimos meses en vehículos aparcados en garaxes das localidades de Monforte de Lemos (Lugo), Pontecesures e Lalín (Pontevedra). Ademais, a outras dúas persoas investígaas por senllos delitos de receptación de efectos subtraídos neses roubos.

A investigación arrincou tras coñecerse que o pasado 6 de marzo foran cometidos media ducia de roubos en vehículos estacionados en distintos garaxes comunitarios do núcleo urbano de Pontecesures, onde romperan os portelos para facerse con obxectos como memorias ‘pendrive’, diñeiro en efectivo e teléfonos móbiles.

Precisamente, ao rastrexar un dos terminais roubados, os axentes comprobaron que tres persoas o estiveran utilizando desde que se produciu o roubo, o que derivou na detención do home de 45 anos, que responde as iniciais A.C.F., en relación coa autoría destes roubos.

Este home foi descuberto no momento do seu arresto con dous teléfonos que foran subtraídos o pasado 20 de novembro en Monforte de Lemos, cando se cometeron 17 roubos en senllos coches co mesmo ‘modus operandi’.

A maiores, un dos dous mozos identificados xunto ao presunto ladrón portaba un teléfono que dixo que lle facilitou este, e do que constaba que fora subtraído noutra onda de 21 roubos que tivo lugar o 19 de decembro en Lalín en condicións similares.

Ante estes feitos, os axentes vinculan a A.C.F. a un total de 44 roubos, nos que o valor estimado polos danos causados supera os 8.000 euros. Ademais, a pesar de que manifestaron que os teléfonos llos facilitou este e descoñecían a súa procedencia ilegal, investígase aos outros dous mozos por senllos delitos de receptación por estar utilizando os terminais.

15 de xuño de 2016 | 11:27 • Sen comentarios

Comentarios pechados.