Deteñen a un presunto estafador en Sanxenxo e intervéñenlle 200.000 euros en billetes falsos
Axentes da Garda Civil detiveron en Sanxenxo (Pontevedra), a un cidadán camerunés, ao que sorprenderon ‘in fraganti’ cando trataba de estafar unha persoa co método do ‘engano nixeriano’.
Segundo informou a Benemérita, o home foi sorprendido nun establecemento comercial, cando trataba de enganar outra persoa, ofrecéndolle unha grande cantidade de diñeiro, a cambio de que esta lle adiantase outra cantidade. A mecánica deste engano consiste en que o delincuente mostra á vítima unha grande cantidade de billetes (que en realidade son falsos) cubertos cunha tinta negra, que logo se pode eliminar con determinados produtos químicos.
O estafador engana a vítima para que lle adiante certa cantidade de diñeiro, entre 30.000 e 50.000 euros, co fin de poder introducir unha fortuna en España e, tras limpar os billetes tintados, ofrécense a devolverlle o diñeiro adiantado, máis unha comisión substanciosa.
Neste caso, a Garda Civil detivo o presunto delincuente cando estaba a punto de chegar a un acordo coa vítima, e frustrouse a estafa. No momento da detención, o home levaba enriba varios feixes de billetes en paquetes plastificados, que sumaban case 200.000 euros falsos.
O detido, que conta con numerosos antecedentes, pasou a disposición do xulgado de instrución número 1 de Cambados, que decretou a súa liberdade, aínda que ten a condición de investigado polos supostos delitos de estafa e falsificación de moeda.