publicidade hoxe
Publicidade
omeulibro1

CxG expulsa a dous concelleiros de Sarria para paralizar unha moción de censura contra o PSOE

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocal PortadaPortada esquerdaSarria
A-
A+
Europa Press

O coordinador xeral de Compromiso por Galicia, Xoán Bascuas, desprazouse este xoves ata a localidade lucense de Sarria para dar conta da expulsión dos dous edís que ata agora pertencían á súa formación, co obxectivo de paralizar unha moción de censura contra a alcaldesa, do PSOE.

No escrito infórmase de que os concelleiros deixan de ser militantes de Compromiso por Galicia e pasarán a formar parte do grupo de non adscritos.

Esta expulsión produciuse “ante a perspectiva de que poida haber unha moción de censura”. “Con este movemento, xa non poden ao quedar inhabilitadas as súas sinaturas para esa moción de censura” -que contaría co impulso do PP-, explicou Bascuas.

Ao respecto, recordou que a lexislación vixente indica que, se durante o mandato, un concelleiro deixa de pertencer ao mesmo grupo municipal, a súa sinatura queda inhabilitada para unha moción de censura. Precisamente, esta normativa aprobouse para evitar o transfuguismo nos municipios.

“INDICIOS QUE SE CONVERTERON EN EVIDENCIA”

“Facémolo porque os indicios se converteron en evidencia e facémolo porque Compromiso por Galicia veu á vida pública para facer unha política transparente, digna e honesta. Nós non queremos representar a política da mentira, da ocultación, da cloaca e non queremos ter un alcalde a calquera prezo”, puntualizou.

De feito, recoñeceu que tiña a “certeza da absoluta disposición” dos dous concelleiros ata agora de CXG de “participar nunha moción de censura” co PP, para situar os que eran membros do seu partido Bejamín Escontrela na Alcaldía e a Antón Fortes na Concellaría de Benestar.

CORPORACIÓN

A corporación conta con 17 concelleiros, para o que serían precisos 11 edís para viabilizar esa moción de censura, e do total, o Partido Popular ten sete concelleiros. O PSOE goberna en minoría, con catro edís, máis dous do BNG, e unha independente -que foi expulsada de Compromiso- .

Agora Compromiso por Galicia queda sen representación neste concello, coa expulsión destes dous edís, que pasarán ao grupo de non adscritos.

2 de xuño de 2016 | 16:30 • Sen comentarios

Comentarios pechados.