publicidade hoxe

Cores Tourís visita o polígono da Facha en Campolameiro para anunciar novas obras de mellora

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaCampo Lameiro
A-
A+
Cores Tourís na visita ao poligono da Facha

Cores Tourís na visita ao poligono da Facha

O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, José Manuel Cores Tourís, visitou esta mañá o polígono empresarial da Facha en Campolameiro, co obxectivo de anunciar a posta en marcha de obras de mellora nesta área industrial que permitirán a execución dun punto limpo a mellora de varios viais.

Na visita estivo acompañado do alcalde da localidade, Julio Sayáns, así como do xefe territorial de Economía, Ignacio Rial.

Deste xeito, Cores Tourís destacou a labor da Consellería de Economía, Emprego e Industria que acaba de aprobar apoios por preto de 5 millóns de euros para os concellos galegos cos cales se desenvolverán melloras en 46 parques empresariais de toda Galicia, 10 deles na provincia de Pontevedra, onde se investirán case un millón de euros”.

Mediante a convocatoria destas axudas para a habilitación e mellora de infraestruturas, concédense apoios cos que se impulsarán 58 proxectos en 46 parques empresariais galegos. “Na nosa provincia executaranse 12 proxectos, véndose beneficiados 10 concellos: Cambados, Ribadumia, Campo Lameiro, O Porriño, A Cañiza, Silleda, Tui, A Lama, Agolada e Forcarei”, explicou Cores Tourís, quen matizou que grazas a estas obras “mellórase así o servizo que se presta ás compañías xa instaladas ao tempo que se impulsa a chegada de novas iniciativas con capacidade para xerar riqueza e emprego”.

“Preto do 47% dos proxectos apoiados mediante esta liña se centra nas vías de acceso, e o resto en melloras enerxéticas e medioambientais. De feito, no polígono de A Facha en Campolameiro, levarase a cabo a creación dun punto limpo nunha parcela que actualmente está sen urbanizar. O obxecto do proxecto é centralizar a xestión dos residuos que na actualidade se encontra diseminada en diversos contedores, así como a mellora dos viais deste área coa renovación da sinalización horizontal, tanto pintado de sinais coma liñas, e a execución de beirarrúas en varios tramos”, explicou Cores Tourís quen engadiu que tamén se mellorará a evacuación de augas pluviais nun punto onde habitualmente se producían encharcamentos.

Durante a visita, o alcalde de Campolameiro agradeceu a colaboración da Xunta para a mellora deste polígono empresarial, destacando que nestes dous proxectos investiranse case 125.000 euros, dos cales o 80%, é dicir, 99.400 serán aportados pola Consellería de Economía, Emprego e Industria. “O problema da recollida de residuos un dos problemas pendentes neste polígono”, engadiu Sayáns. “Na actualidade existen varios contedores diseminados pola zona, aínda que ningún é de reciclaxe. Para mellorar a operatividade e flexibilidade do funcionamento da recollida selectiva de residuos pretendemos executar este centro de reciclaxe que, non poderá albergar, baixo ningún concepto, residuos perigosos ou orgánicos”.

13 de xuño de 2016 | 17:20 • Sen comentarios

Comentarios pechados.