publicidade hoxe

Cores Tourís anuncia a ampliación da ponte sobre o río Freixeira ao seu paso pola PO-536

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaForcarei
A-
A+

O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, José Manuel Cores Tourís, visitou esta mañá Forcarei para anunciarlle á alcaldesa da localidade, Belén Cachafeiro, a publicación mañá no DOG da licitación da obra de ampliación da ponte sobre o río Freixeira ao seu paso pola PO-536.

A obra terá un orzamento que roldará os 104.000 euros e suporá a ampliación da plataforma na zona da ponte mediante unha lousa de formigón de 25 centímetros de espesor con voladizos a ambos lados da estrutura existente, coa conseguinte ampliación da calzada e as beiravías ata unha anchura de 7 metros.

Para ampliar as zonas adxacentes á estrutura e dar continuidade á sección da ponte, executaranse os correspondentes recheos en terraplén con muros de mampostería labrada. Tamén disporase unha beiravía para a circulación de peóns, dando continuidade á existente no tramo urbano e conectándoa coa cuneta transitable disposta ao longo da traza.

“Esta obra era moi necesaria para esta zona, xa que a presenza da ponte”, segundo apuntou o delegado territorial, “impedía a circulación simultánea de dous vehículos debido a que estreitaba a plataforma, xerando un perigo para o tráfico rodado que transitaba por esta vía”. Ademais, segundo apunto Cores Tourís, deste xeito “damos cumprimento a unha promesa realizada pola conselleira de Infraestruturas á alcaldesa da localidade, xa que estamos a falar dunha estrada moi utilizada que enlaza dous dos principais núcleos do concello, Forcarei e Soutelo de Montes, e dous polígonos empresariais”.

“Por tanto”, engadiu o responsable territorial, “a solución proxectada consiste na ampliación da calzada mediante unha lousa de 32 metros de lonxitude e 9,3 metros de anchura, con voladizos a ambos lados e executada con prelousas de celosía como encofrado perdido, para axilizar así o proceso construtivo”. No lateral esquerdo da lousa proxectarase unha beiravía elevada de 15 centímetros sobre a calzada cunha anchura de 1,30 metros. A reposición do pavimento realizarase con 5 centímetros de mestura bituminosa na zona de lousa nova e con 5 centímetros de mestura bituminosa e 10 centímetros de AC22 sobre unha base de 35 centímetros de zahorra artificial nas zonas de ampliación de noiros.

Tal e como explicou Cores Tourís, as obras no requirirán expropiación algunha, “xa que todas as actuacións se encontran incluídas dentro da franxa de dominio público da estrada”. Os traballos terán unha duración de 12 semanas e realizaranse na época do verán para garantir o bo tempo. Ademais, desviarase o tráfico durante o tempo que dure a obra a través de Folgoso.

7 de xuño de 2016 | 17:43 • Sen comentarios

Comentarios pechados.