publicidade hoxe

Comeza o trámite de información pública do proxecto de reforzo da estrada Pancenteo-Marzán

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaO RosalPontevedra
A-
A+

A Xunta publica hoxe no Diario Oficial de Galicia (DOG) o anuncio do inicio do trámite de información pública o proxecto de mellora da estrada que une as localidades de Pancenteo e Marzán (PO-353) na provincia de Pontevedra ao seu paso polo Concello do Rosal, concretamente, entre os puntos quilométricos 3+150 ao 5+360.

O proxecto ten por obxecto a mellora da seguridade vial e a accesibilidade, tanto dos vehículos como dos peóns, actualizando e complentando a drenaxe e a sinalización existente en dito vial.

As obras, que darán continuidade ás executadas na Guarda, previstas contemplan a mellora da sección da estrada, renovación e ampliación das beirarrúas, incorporación dunha senda peonil, substitución da drenaxe lonxitudinal, ampliación das drenaxes transversais, reforzo de firme e renovación da sinalización, balizamento e defensas ao longo do treito obxecto do proxecto.

Este documento sométese a información pública durante trinta días hábiles, dende o día seguinte á publicación deste anuncio no DOG, para que se podan formular as observacións precisas. A exposición ao público, aos efectos da presente resolución, realízase na Axencia Galega de Infraestruturas, no Servizo de Infraestruturas de Pontevedra (Rúa Fernández Ladreda, 43-1º-4º – 36071 Pontevedra) e na Casa do Concello do Rosal (Praza do Calvario, 1, 36770 O Rosal, Pontevedra).

Así mesmo, na páxina web da Consellería de Infraestruturas e Vivenda, atópase a disposición dos interesados o documento completo do proxecto de construción.

A Xunta, co avance nestas actuacións, cumpre o seu compromiso cos veciños desta zona, que viñan solicitando a mellora desta estrada. Coa realización deste proxecto preténdese, por unha parte, aumentar a comodidade da circulación ao ampliar o raio das curvas, e ademais incrementar a seguridade e facilitar os xiros en condicións máis seguras, reordenando as interseccións existentes no tramo.

29 de xuño de 2016 | 18:41 • Sen comentarios

Comentarios pechados.