publicidade hoxe

Ciudadanos esperan obter como mínimo catro deputados en Galicia

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA Coruña
A-
A+
Europa Press

O número 1 da lista de Ciudadanos por A Coruña, José Canedo, asegurou este xoves que a súa formación espera obter, “como mínimo, catro deputados en Galicia, “un por provincia”, nas eleccións xerais deste domingo.

A preguntas da prensa este xoves durante un paseo para repartir propaganda electoral de Ciudadanos no mercado de Salgueiriños, en Santiago, Canedo afirmou que se traballa para “obter un mellor resultado” en Galicia respecto ás eleccións do 20 de decembro, na que a súa formación conseguiu un deputado por A Coruña -sacado por Antonio Rodríguez, substituído por Canedo tras unha decisión do Consello Xeral do partido-.

Así, considera que “un voto de cambio é un voto a Albert Rivera”, xa que “un un por cento máis de voto ao PP e PSOE non cambia nada absolutamente”, pero cun “un por cento máis” Ciudadanos serán “opción de goberno”.

Cuestionado sobre se a polémica arredor da cabeza de lista de Cidadáns por Pontevedra, María Rey, que antes de entras en política en 2014 usou de forma irregular prazas reservadas para persoas con mobilidade reducida, pode ter efectos negativos nos comicios, Canedo minimizou esa cuestión como un “tema particular”, que confía en que “non afecte para nada”.

Neste sentido, José Canedo empraza que a xente “vote pensando no proxecto de partido e non nas persoas” para “cambiar as cousas”.

“O mesmo Alberto Rivera dixo que el tampouco era imprescindible, eu tampouco son imprescindible, as persoas nisto non son imprescindibles, o que é totalmente necesario é unha política de cambio e de cambio real”, sentenciou.

FERNÁNDEZ DÍAZ E “POLÍTICAS CHAFALLEIRAS” DO PP

Por outra banda, cuestionado sobre se as conversacións do ministro de Interior en funcións, Jorge Fernández Díaz, e do director da Oficina antifraude de Cataluña (OAC), Daniel de Alfonso, nas que falaban de investigar a líderes independentistas, poden cambiar o sentido do voto de indecisos, Canedo censura que o PP “segue coas mesmas políticas” que no “pasado rancio” e “representa o que se ten que borrar”.

Ao respecto, asegura que C ‘s “está a loitar coa política rancia” que “trae dende hai 30 anos o PP”, polo que pide á xente que “non teña medo ningún, que o PP xa non asusta” coas súas “políticas chafalleiras”. “Se queremos transparencia e quitar a corrupción temos que formar goberno e confiar en Cidadáns”, defendeu.

Por iso, asegurou que Fernández Díaz “ten que dimitir”, aínda que vai dimitir de nada”, porque é un goberno “provisional” e “están aí por estar”.

En este liña, asegura que “os dous partidos dos extremos”, en referencia a PP e Podemos, “están a loitar entre eles para non cambiar nada e que todo siga igual”, co fin de “seguir enganando os españois e os galegos” e que “se repitan as eleccións”.

23 de xuño de 2016 | 18:15 • Sen comentarios

Comentarios pechados.