publicidade hoxe

Cecilia Vázquez presenta o campo de traballo sobre a igualdade no mundo rural no que participarán 20 mozos

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaCurtis
A-
A+

A directora xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, Cecilia Vázquez, presentou esta mañá o Campo de Traballo de Curtis xunto co alcalde da localidade, Javier Caínzos. Esta iniciativa terá lugar entre o 20 e o 31 de xullo cunha temática ligada á igualdade no mundo rural.

Os voluntarios e voluntarias realizarán dinámicas de rúa para presentar o Campo no municipio, entrevistarán en vídeo aos veciños e veciñas con intervencións e opinións sobre a igualdade, para axudar a visualizar a problemática; traballarán nos campamentos de rapaces para implicar a mocidade nos termos e conceptos da igualdade e das actitudes e, por último, realizarán un traballo de investigación sobre a igualdade no medio rural, cunha exposición final.

Nesta iniciativa, na que colaboran a Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado e o Concello de Curtis, participarán un total de 20 voluntarios de entre 18 e 30 anos, procedentes de Galicia e do resto de España.

Cecilia Vázquez destacou que “os campos de traballo contribúen á difusión de valores como a participación, a solidariedade, o coñecemento do contorno e o traballo en equipo entre os participantes”. Así mesmo, “fomentan a mobilidade, pois ofrecen aos mozos e mozas a oportunidade de tomar parte en campos doutras Comunidades e países”.

Son polo tanto recursos de gran valor xuvenil, nos que Galicia é a comunidade de referencia na materia. Cómpre destacar que o ano pasado Galicia organizou o 34% dos campos de traballo internacionais que se celebraron en toda España, segundo o balance realizado polo Injuve.

A Consellería de Política Social organiza un total de 24 campos de traballo na comunidade galega nos meses de verán nos concellos coruñeses de Outes, A Laracha, Ponteceso, Boqueixón, Rois, Betanzos, Curtis, Vedra, Ribeira e Coirós e nos concellos ourensáns de Celanova, Ourense, Muíños, Vilamarín e A Peroxa. Así mesmo, celebraranse nos municipios lucenses de Folgoso do Courel, Portomarín, Becerreá, Pantón, Quiroga e Xermade, así como en localidades da provincia de Pontevedra como as Illas Cíes (4 quendas), Cotobade e Vilanova de Arousa.

Este ano os mozos e mozas galegos dispoñen de 575 prazas para participar nos Campos de traballo. Destas prazas, 120 son para Campos noutras comunidades autónomas, 250 para Campos en 34 países de Europa, Asia, África e América e 205 para Campos en Galicia. Con estes datos, Galicia é a comunidade española con máis prazas en campos de traballo.

Campaña de verán 2016

Cecilia Vázquez lembrou que os campos de traballo enmárcanse dentro da Campaña de Verán 2016 que organiza a Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado. “Esta campaña é a máis inclusiva e importante dos últimos anos no que se refire a número de prazas ofertadas. En total, son 9.046 as prazas que se ofrecen, o que significa incrementar nun 6% as prazas dispoñibles no ano pasado”, explicou a directora xeral.

Ademais destes campos, a campaña de verán inclúe albergues, campamentos e actividades de ocio e tempo libre para a mocidade. A Consellería de Política Social destina un orzamento de 2,6 millóns de euros a esta campaña.

Cómpre destacar que, outro dos aspectos positivos da campaña está no impulso ao emprego que leva aparellada. Grazas ao desenvolvemento destas actividades, as empresas de ocio e tempo libre de Galicia darán traballo a máis de 900 monitores/as e directores/as de campamentos.

Os interesados e interesadas nesta campaña, xa poden consultar toda a información relativa á mesma en http://xuventude.xunta.es.

8 de xuño de 2016 | 17:31 • Sen comentarios

Comentarios pechados.