publicidade hoxe

Carmela Silva reivindica a María Soliña como exemplo de todas as galegas que tiveron que loitar contra a desigualdade

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaCangasLocal PortadaPontevedra
A-
A+
Descubrimento da escultura de María Soliña en Cangas

Descubrimento da escultura de María Soliña en Cangas

A Presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, resaltou hoxe a figura de María Soliña como un grande exemplo de todas as galegas que tiveron que loitar contra a desigualdade, “unha das moitas mulleres que tiveron que sufrir a persecución por ser diferentes, seguramente por ser intelixentes”. Fixo estas declaracións en Cangas na inauguración dunha escultura en memoria de María Soliña, doada pola Deputación a través da Escola de Cantaría e realizada por dous alumnos do propio centro.

Neste acto tamén participou a deputada responsable da Escola de Cantaría, Montserrat Magallanes, así como o alcalde de Cangas, Xosé Manuel Pazos, o alcalde de Vilaboa, José Luís Poceiro, e os dous artífices da obra, Santiago Rey López e Víctor Manuel Casal Nogueira.

Con esta escultura quérese homenaxear a figura de María Soliña, que se ten convertido nun símbolo de sufrimento do pobo, especialmente das mulleres perseguidas. “Parabéns ao pobo de Cangas porque xa ten de volta á súa veciña María Soliña”, manifestou a Presidenta, referíndose así á ausencia de datos sobre a súa defunción e enterramento.

Carmela Silva salientou a importancia deste acto como unha homenaxe máis ás mulleres da nosa historia “que foron ninguneadas durante séculos e que agora temos o deber de reivindicar o seu papel”. Puxo tamén coma exemplo que aínda onte se celebrou a xornada inaugural da Escola de Igualdade María Vinyals, que leva por nome o dunha das mulleres precursoras do feminismo galego.

A Presidenta destacou que, deste xeito, dende a Deputación se ten as políticas de igualdade como unha das prioridades de goberno, non só creando un servizo pioneiro de Igualdade ata o momento inexistente, senón promovendo as medidas de igualdade de xeito transversal entre todos os departamentos.

Tras as intervencións, durante o acto de inauguración da escultura, cantouse o coñecido poema sobre María Soliña que escribiu Celso Emilio Ferreiro na súa “Longa noite de pedra”. Déuselle cabida así só a algunha das moitas creacións artísticas que María Soliña ten inspirado ao longo da historia, xa que ten sido motivo de múltiples poemas, ilustracións, retratos ou longametraxes.

30 de xuño de 2016 | 17:34 • Sen comentarios

Comentarios pechados.