publicidade hoxe

As oportunidades laborais de 60 alumnos de Ferrol e Neda amplíanse a través de FP básica e cursos para desempregados

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaFerrolNeda
A-
A+

O director xeral de Orientación e Promoción Laboral, Alfonso Marnotes, e a subdirectora xeral de Formación Profesional, María Eugenia Pérez, participaron esta maña no acto de entrega de diplomas e clausura dos cursos de Formación Profesional Básica e de formación para desempregados dos institutos de educación secundaria de Canido, Catabois e Ferrol Vello, de Ferrol, e do IES Fernando Esquío, de Neda.

O obxectivo desta iniciativa das consellerías de Economía, Emprego e Industria e de Cultura e Educación é facilitar o contacto do alumnado co mundo laboral e a súa posterior inserción no mercado de traballo. De feito, e, tal e como destacou Marnotes, este programa da Xunta conta cunha porcentaxe de media de inserción laboral do 30 por cento, destacando que unha das prioridades do Goberno galego é ofrecer aos galegos e galegas unha formación de calidade adaptada aos perfís profesionais que están a demandar as empresas para competir, crecer e xerar emprego.

Un total de 60 alumnas e alumnos recibiron hoxe os seus diplomas despois de teren rematado a súa preparación nos programas de FP Básica en servizos comerciais, carpintaría e mobles, cociña e restauración e industrias alimentarias. Ademais disto e da formación específica para desempregados, os estudantes realizaron tamén un módulo transversal de inserción laboral, sensibilización ambiental e na igualdade de xénero; e outro sobre igualdade de oportunidades entre mulleres e homes e sobre corresponsabilidade familiar e doméstica.

Así mesmo, nos perfís de servizos comerciais, cociña e restauración e industrias alimentarias impartiuse o módulo de manipulador de alimentos; e nos de carpintería e moble e no de servizos comerciais o curso básico de prevención de riscos laborais.

O obxectivo deste programa, que se desenvolve a través dun acordo entre as dúas consellerías, é proporcionar unha formación completa aos estudantes que non obtiveron o graduado na Educación Secundaria Obrigatoria e que buscan acadar unha cualificación profesional que lles permita acceder a un posto de traballo.

Neste sentido, cómpre lembrar que a cualificación obtida por estes estudantes se corresponde coa do nivel I do Catálogo Nacional de Cualificación Profesionais. Isto, xunto coa formación para desempregados e os devanditos módulos e cursos que se imparten nestes proxectos, conforma un programa educativo a favor da empregabilidade das mozas e mozos, á par que unha acción estratéxica fronte ao abandono educativo temperá.

Non en balde, o abandono educativo temperá en Galicia ten descendido desde o 25,8% de media do ano 2009 ata o 17% do ano 2015, froito de iniciativas coma esta e de outros programas en prol do éxito escolar.

Garantía Xuvenil

Para impulsar tamén a formación de calidade e acadar a inserción laboral dos estudantes de FP, a Xunta vén de poñer en marcha, a través do Sistema de Garantía Xuvenil, un novo programa para impulsar a inserción laboral na Formación Profesional do que se poderán beneficiar como mínimo 1.400 estudantes e outras tantas empresas.

Do que se trata é de favorecer a empregabilidade dos titulados de FP, que poderán ter un contrato de traballo na empresa onde realizaron a FCT (formación en centros de traballo) tan pronto obteñan o título.

Este programa, tal e como resaltou Marnotes, beneficiará tanto a alumnos como empresas. Aos primeiros porque se incorporan directamente ao mercado de traballo con coñecementos precisos e especializados, xa que poderán desenvolver a súa actividade na compañía onde realizaron as prácticas do ciclo; e aos empresarios, dado que se nutren de persoas altamente cualificadas e fornadas nas particularidades do seu centro produtivo. Ademais, as empresas recibirán incentivos á contratación que poden chegar ata os 8.200 euros, dependendo do tipo de contrato.

Por último, o director xeral apuntou que o Goberno galego porá en marcha proximamente 28 lanzadeiras de emprego que inclúen itinerarios personalizados para mellorar a procura dun posto de traballo das persoas sen emprego. Esta actuación está enfocada á colaboración cos concellos co fin de que poidan mellorar a ocupabilidade e a inserción laboral dos participantes. Este programa establece uns obxectivos de inserción laboral, tendo que acadar un emprego como mínimo o 25% dos participantes.

27 de xuño de 2016 | 17:10 • Sen comentarios

Comentarios pechados.