publicidade hoxe

Apróbase o PXOM de Mondoñedo, que porá en valor o patrimonio arquitectónico e natural do concello

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocal PortadaMondoñedo
A-
A+
Beatriz Mato na sinatura da orde de aprobación do PXOM de Mondoñedo

Beatriz Mato na sinatura da orde de aprobación do PXOM de Mondoñedo

A conselleira de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio, Beatriz Mato, asinou hoxe a orde de aprobación definitiva do PXOM de Mondoñedo, un paso que “culmina un longo proceso de traballo e que permitirá actualizar o planeamento urbanístico vixente, moi básico e xa obsoleto, con 38 anos de antigüidade”. Así o destacou hoxe durante a súa visita ao concello, onde estivo acompañada pola alcaldesa da localidade, Elena Candia.

Este documento contribuirá á posta en valor do patrimonio arquitectónico e natural do municipio, a través da delimitación do trazado do Camiño Norte; fomentando a rehabilitación a través dun novo Plan especial de protección, que renovará e ampliará o actualmente vixente; e impulsando dous novos plans especiais para os barrios de Os Muíños e San Lázaro. En canto á defensa do medio natural, o PXOM presta especial atención á Serra de Xistral-Toxiza, que forma parte da Rede Natura 2000.

Outra das vantaxes do novo planeamento, segundo explicou Mato, é que paliará o déficit de espazos públicos e zonas verdes de Mondoñedo. Crea o Parque do Castro –como parque arqueolóxico- e o Parque Lineal do río Valiñadares. Ademais, amplía a área deportiva de Viñas da Veiga e impulsa o equipamento cultural nos terreos do convento de Alcántara.

Cabe destacar que o PXOM aposta tamén por promover a actividade económica, ao delimitar áreas no solo urbano para usos de tipo industrial e comercial. Incorpora, ademais, as previsións contidas no Plan Auga, de abastecemento de Galicia, e propón a instalación de ETAP que complementen ás existentes, así como a ampliación do sistema de depuración nos asentamentos do rural.

Xa por último no que se refire aos contidos concretos do planeamento, Mato apuntou que prevé un crecemento sustentable, no que os posibles incrementos de poboación absorberanse sempre dentro dun marco ordenado. En concreto, o 63% do crecemento previsto concéntrase no solo urbano (no que se prevén 959 vivendas), e o 37% restante nos 106 núcleos rurais (con 570 vivendas).

A conselleira considerou que a aprobación dun PXOM definitivo como o de Mondoñedo é “sempre unha noticia positiva”, porque permite obter o “máximo aproveitamento dos recursos dos concellos, reducindo ao mínimo os impactos negativos”. Por iso, o Goberno galego está a apostar firmemente por promover estas ferramentas. En 2009, había 33 concellos cun PXOM actualizado, e agora –incluíndo o de Mondoñedo- xa son 89. Polo tanto, o deste municipio lucense é o número 56 aprobado por este Goberno, e o segundo planeamento actualizado da Mariña central, tras o de Burela. O departamento autonómico investiu preto de 150.000 euros para colaborar na redacción deste PXOM.

150.000 euros para mellorar as prazas

A conselleira aproveitou a súa visita a Mondoñedo para anunciar que o Goberno galego investirá uns 150.00 euros en mellorar diferentes prazas da localidade, un orzamento que se inscribe no Plan Hurbe.

En concreto, actuarase na praza da Catedral, dos Muíños, de San Juan, de Noriega Varela; así como no cruce de San Lázaro. As melloras incluirán a reparación e renovación de pavimentos; a dotación de papeleiras; a adecuación de farolas; a construción de varandas para as escaleiras; e a creación de espazos libres de calidade. O obxectivo final é facer destas “áreas emblemáticas” uns lugares “máis cómodos e agradables” para a vida cotiá.

O Plan Hurbe, posto en marcha en 2010, ten un triplo obxectivo: fomentar a humanización das vilas; favorecer a cooperación da administración autonómica e a local; e promover o reequilibrio territorial en Galicia.

Desde 2010, téñense executado ao abeiro desta iniciativa 105 actuacións, cun investimento total de 112 millóns de euros. Deste total, 25 millóns (19 actuacións) destináronse á provincia de Lugo.

Este ano, o investimento global no Hurbe ascenderá a uns 11 millóns de euros: 6 millóns previstos nos orzamentos, máis unha ampliación de 5 millóns. Do total, 1,5 millóns destinaranse a novas obras na provincia de Lugo.

En definitiva, Mato sinalou que tanto a aprobación do novo PXOM como o Plan Hurbe baséanse na necesidade de “avanzar todos xuntos cara o obxectivo dun urbanismo responsable e sustentable en Galicia”, e conseguir, así, un “beneficio claro” para todos os veciños e veciñas de Mondoñedo, e para os galegos en xeral.

14 de xuño de 2016 | 17:57 • Sen comentarios

Comentarios pechados.