publicidade hoxe

Ángeles Vázquez destaca o impulso e a posta en valor que o certame Galiforest representa para o sector forestal

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaBoqueixónLocal Portada
A-
A+
Ángeles Vázquez na presentación de Galiforest. Foto: C. Paz

Ángeles Vázquez na presentación de Galiforest. Foto: C. Paz

A conselleira do Medio Rural, Ángeles Vázquez, presentou esta mañá en Santiago a cuarta edición do Monográfico Forestal Internacional para o Sur de Europa – Galiforest Abanca 2016, xunto co director da Fundación Semana Verde de Galicia, Ricardo Durán. Alí, a conselleira destacou o peso que este certame ten a nivel estatal e europeo, o cal redunda nun impulso e posta en valor do noso sector forestal.

Ángeles Vázquez sinalou que 2 de cada 3 hectáreas en Galicia son de terreo forestal, polo que é importante que haxa encontros deste tipo para debater e analizar as necesidades dun sector tan estratéxico como é o forestal para a nosa Comunidade. Neste senso, salientou que ademais dunha mostra ampla de maquinaria, os visitantes e profesionais poderán participar dun interesante programa de xornadas técnicas nas que se tratarán temas como a xestión forestal, a certificación, a formación, investigación e transferencia forestal, así como a produción de castaña de calidade, entre outros aspectos. Ademais, salientou a celebración dunha xornada dedicada ao Plan Forestal de Galicia, que terá lugar este venres e onde expertos analizarán as directrices alcanzadas para a súa revisión.

A conselleira engadiu que para que o noso monte sexa rendible é preciso utilizar de forma eficiente todos os recursos dispoñibles e optimizar a contribución do monte e do sector forestal ao desenvolvemento rural. Traballando con estas ferramentas, dixo, a creación de emprego e a fixación de poboación no rural é posible e necesaria.

Precisamente para a creación de novos postos de traballo, este cuarto monográfico ten como novidade a celebración do primeiro Job Day Forestal. A conselleira explicou que o obxectivo desta xornada é fomentar o emprego transfronteirizo entre Galicia e o norte de Portugal no sector forestal. Consistirá na realización de reunións entre empresas do sector galegas e do norte de Portugal que conten con previsións de contratación a curto prazo e profesionais tamén deste territorio con diversos perfís que queiran optar aos postos de traballo ofertados.

Programa atractivo

Galiforest Abanca é o único monográfico forestal que se celebra en Galicia do 30 de xuño ao 2 de xullo no Centro de Formación e Experimentación Agroforestal de Sergude, un lugar idóneo para facer as demostracións de maquinaria.

Esta edición volverá a contar co Concurso de Innovación Galiforest Abanca, que recoñece novos proxectos orientados á mellora do sector forestal, á que concorren 9 innovacións. Ademais presentaranse novos proxectos galegos, como a Asociación Galega de Leñadores ou unha plataforma de compra-venta de lotes de madeira entre propietarios forestais e empresas.

Ángeles Vázquez animou a todo o mundo a que se achegue a Sergude os vindeiros tres días, xa que durante ese tempo Galiforest constituirase como un centro de negocios para o sector, ademais dun escaparate das últimas innovacións tecnolóxicas e foro de coñecemento e posta en común da realidade forestal onde se esperan máis de 6.000 visitas.

28 de xuño de 2016 | 16:46 • Sen comentarios

Comentarios pechados.