publicidade hoxe
Publicidade
omeulibro1

Alumnos de primaria descubrirán o Camiño de Santiago nun proxecto interactivo promovido por Turismo de Galicia

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaBarreiros
A-
A+
Nava Castro na visita ao Colexio de Educación Infantil e Primaria de San Cosme, en Barreiros

Nava Castro na visita ao Colexio de Educación Infantil e Primaria de San Cosme, en Barreiros

A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, e a delegada territorial da Xunta en Lugo, Raquel Arias, visitaron esta mañá o Colexio de Educación Infantil e Primaria de San Cosme, en Barreiros, con motivo do desenvolvemento da iniciativa “Un caderno no Camiño”, un conxunto de actividades dirixidas a alumnos de primeiro ciclo de primaria e baseadas na realización da Ruta Xacobea a través da historia de Sophie, unha nena francesa que nas vacacións de verán emprende a peregrinación a Compostela acompañada do seu avó galego.

Nava Castro subliñou a importancia deste proxecto para que os máis pequenos descubran o Camiño de Santiago e a peregrinación e a importancia deste recurso turístico como fonte de cultura, patrimonio e riqueza económica.

A actividade desenvolverase en escolas de 10 municipios galegos polos que transcorren diferentes itinerarios da Ruta Xacobea, concretamente nos concellos de Barreiros, Abadín, Begonte e Mondoñedo, en canto ao Camiño do Norte; en Guntín, Baleira e Friol, no Camiño Primitivo; en Laza, na Vía da Prata; en Arzúa, no Camiño Francés; e en Ordes, no Camiño Inglés.

Descrición da iniciativa

O proxecto “Un caderno no Camiño” inclúe unha publicación dixital interactiva, Sophie no Camiño e dous cadernos de actividades, un para os alumnos e outro para os docentes.

O libro interactivo conta a historia de Sophie e as vivencias que experimenta no verán no que realiza o Camiño Francés a Santiago acompañada do seu avó. Así mesmo, describe aspectos da historia, costumes, gastronomía e patrimonio que rodean á Ruta Xacobea. A publicación contén as aventuras literarias das personaxes e está enriquecida con fotografías, debuxos, mapas e hipervínculos para acceder a información adicional.

O caderno de actividades dirixido aos alumnos amplía os contidos do libro con documentación sobre recursos culturais, artísticos, patrimoniais, gastronómicos e naturais dos lugares polos que pasan os peregrinos na realización do Camiño. Pola súa parte, o caderno para docentes propón diferentes traballos para realizar cos alumnos na aula.

Datos récord no número de peregrinos

Nava Castro enxalzou que a cifra de peregrinos que chegan a Compostela é cada vez maior, contabilizándose no que vai de ano preto de 80.000 peregrinos, un 7% máis que no mesmo período do ano pasado.

A directora de Turismo de Galicia explicou que no ano 2015 xa se batera un máximo histórico nun ano non santo ao contabilizar 262.515 peregrinos, un 10,31% máis que os que chegaron en todo 2014.

16 de xuño de 2016 | 17:25 • Sen comentarios

Comentarios pechados.