publicidade hoxe
Publicidade
omeulibro1

A Xunta premia aos estudantes do colexio CPR Plurilingüe Andaina de Culleredo no certame de cooperativismo nas escolas

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaCulleredo
A-
A+
Covadonga Toca na entrega dos premios en Culleredo

Covadonga Toca na entrega dos premios en Culleredo

A secretaria xeral de Emprego, Covadonga Toca, participou en Culleredo na entrega de premios aos alumnos de Educación Infantil do colexio CPR Plurilingüe Andaina no certame ‘Cooperativismo nas Escolas’. Coa entrega hoxe destes galardóns comeza o programa de actividades que a Consellería de Economía, Emprego e Industria co Consello Galego de Cooperativas desenvolverán nas próximas semanas con motivo do Día do Cooperativismo, que se celebra este ano o sábado 2 de xullo.

‘Cooperativismo nas Escolas’ é unha iniciativa coa que se promove entre os estudantes de Galicia o coñecemento desta fórmula empresarial e os valores que representa. Alumnos e alumnas do colexio Andaina gañaron con ‘A Caixa da Risa’ o premio ao mellor traballo na modalidade de debuxo, pintura, fotografía e/ou vídeo. Os nenos e nenas recibiron materias didácticos, audiovisuais ou informáticos valorados en 2.000 euros.

A secretaria xeral de Emprego felicitou aos gañadores animándolles a seguir traballando en equipo, colaborar e esforzarse por alcanzar un obxectivo común, todos eles valores que fomenta a Economía Social, un sector que aglutina na Comunidade a máis de 7.000 entidades e 320.000 persoas.

Unha das prioridades da Axenda 20 para o Emprego, a nova planificación da Xunta no eido laboral, é impulsar o cooperativismo e, para iso, esta folla de ruta reforza os incentivos ao cooperativismo e impulsa a competitividade e internacionalización do sector. A Xunta pretende potenciar ás empresas de Economía Social polo seu compromiso co territorio, fomentando as de base tecnolóxica e innovadora e de emprendemento industrial con atención ás destinadas ao rural.

Programa de actividades

Ata o próximo luns 20 de xuño entregaranse o resto de premios do certame ‘Cooperativismo nas Escolas’ no que tamén resultaron gañadores o CEIP Plurilingüe Domaio (Cangas), o CEIP San Miguel Reinante (Barreiros), o IES Santa Irene (Vigo) e o CPI Toural (Vilaboa).

Así mesmo, este venres 17 iniciarase a campaña ‘Cooperativismo en Movemento’ coa que se achegará a diversas localidades galegas as vantaxes deste modelo de negocio a través de representacións músico-teatrais, xogos e unha exposición. En concreto, esta actividade realizarase en Redondela (Pontevedra), Vilalba e Monforte (Lugo), Verín e Xinzo de Limia (Ourense) e Ribeira (A Coruña).

Este programa de actividades rematará o día 2 de xullo coa celebración anual do Día do Cooperativismo e a entrega dos premios ás cooperativas. Na xornada anterior, o 1 de xullo, celebrarase unha xornada de portas abertas nas cooperativas de Galicia.

13 de xuño de 2016 | 17:31 • Sen comentarios

Comentarios pechados.