publicidade hoxe
Publicidade
omeulibro1

A Xunta premia aos alumnos de primaria do CEIP Plurilingüe Domaio de Moaña no certame de cooperativismo nas escolas

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaMoaña
A-
A+

A Consellería de Economía, Emprego e Industria, en colaboración co Consello Galego de Cooperativas, entregará mañá os premios aos preto de 40 alumnos e alumnas de Educación Primaria do CEIP Plurilingüe Domaio de Moaña que resultaron galardoados no certame ‘Cooperativismo nas escolas’.

Os alumnos do colexio gañaron dous accésits na modalidade de debuxo, pintura, fotografía e/ou vídeo cos traballos titulados ‘Un personaxe máxico, un traballo real’ e ‘Todos xuntos construímos Domaio’.

Os premiados recibirán mañá, nunha gala á que acudirán 160 nenos e nenas, materiais didácticos, audiovisuais ou informáticos valorados en 2.000 euros. O acto, que inclúe unha representación teatral, iniciarase ás 11,00 horas no colexio.

Esta actividade forma parte do programa de actividades que a Xunta desenvolve ao longo de todo o ano para promover os valores do cooperativismo e das actuacións que está a desenvolver con motivo do Día do Cooperativismo, que se celebra este ano o sábado 2 de xullo. ‘Cooperativismo nas Escolas’ é unha iniciativa coa que se promove entre os estudantes de Galicia o coñecemento desta fórmula empresarial.

O propósito da Xunta con este certame é promover entre os estudantes galegos o traballo en equipo, a colaboración e o esforzo por alcanzar un obxectivo común, todos eles valores que fomenta a Economía Social, un sector que aglutina na Comunidade a máis de 7.000 entidades e 320.000 persoas.

Unha das prioridades da Axenda 20 para o Emprego, a nova planificación da Xunta no eido laboral, é impulsar o cooperativismo e, para iso, esta folla de ruta reforza os incentivos ao cooperativismo e impulsa a competitividade e internacionalización do sector. A Xunta pretende potenciar ás empresas de Economía Social polo seu compromiso co territorio, fomentando as de base tecnolóxica e innovadora e de emprendemento industrial con atención ás destinadas ao rural.

Programa de actividades

Ata o próximo luns 20 de xuño entregaranse o resto de premios do certame ‘Cooperativismo nas Escolas’ no que tamén resultaron gañadores o CPR Plurilingüe Andaina (Culleredo), o CEIP San Miguel Reinante (Barreiros), o IES Santa Irene (Vigo) e o CPI Toural (Vilaboa).

Así mesmo, este venres 17 iniciarase a campaña ‘Cooperativismo en Movemento’ coa que se achegará a diversas localidades galegas as vantaxes deste modelo de negocio a través de representacións músico-teatrais, xogos e unha exposición. En concreto, esta actividade realizarase en Redondela (Pontevedra), Vilalba e Monforte (Lugo), Verín e Xinzo de Limia (Ourense) e Ribeira (A Coruña).

Este programa de actividades rematará o día 2 de xullo coa celebración anual do Día do Cooperativismo e a entrega dos premios ás cooperativas. Na xornada anterior, o 1 de xullo, celebrarase unha xornada de portas abertas nas cooperativas de Galicia.

13 de xuño de 2016 | 18:16 • Sen comentarios

Comentarios pechados.