publicidade hoxe
Publicidade
omeulibro1

A Xunta ofrece o seu apoio para colaborar coa Fiscalía na protección dos menores

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaBergondoLocal Portada
A-
A+
Alfonso Rueda no peche da Escola de Verán do Ministerio Fiscal

Alfonso Rueda no peche da Escola de Verán do Ministerio Fiscal

O vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, destacou hoxe que a protección do menor constitúe unha tarefa na que os fiscais están á cabeza e na que a Xunta lles ofrece todo o seu apoio e colaboración. Durante o peche da Escola de Verán do Ministerio Fiscal, que nesta cuarta edición estivo centrada na protección do menor, Rueda salientou que estamos a falar dun asunto prioritario para o Goberno galego. Neste sentido, indicou que as administracións deben garantir a protección dos dereitos dos menores e a Xunta está especialmente implicada neste obxectivo.

Na clausura desta curso participou tamén o Fiscal Superior de Galicia, Fernando Suanzes, e contou coa asistencia do delegado territorial da Xunta na Coruña, a alcaldesa de Bergondo, o presidente da Deputación da Coruña, e o director xeral de Xustiza.

Hai que ter en conta que na última remodelación do Goberno púxose en marcha unha nova Consellería, a de Política Social, na que ten un carácter prioritario a atención á infancia e á adolescencia, cun traballo continuo na detección de situacións de desamparo ou de risco, desenvolvendo programas preventivos e mellorando a eficacia dos servizos, actuacións e medidas de intervención.

Cada ano ábrense nos servizos especializados máis de 1.000 expedientes por desprotección infantil e Galicia conta con 74 centros de protección a menores. En moitos casos, a Administración asume a súa tutela ou garda, ben mediante o acollemento residencial ou a través do acollemento familiar, que tentamos primar polo ben dos menores.

O vicepresidente destacou así mesmo, o programa Mentor, unha aposta por dotar de autonomía e inserir tanto laboral como socialmente a aqueles menores que estaban suxeitos a medidas de protección. Mozos de entre 16 e 25 anos aos que se ofrece todo o apoio para afrontar unha vida independente e axudarlles a afrontar as moitas veces traumático paso de deixar a protección e converterse en adultos independentes.

Por outra banda, Rueda puxo en valor tamén os avances producidos para acadar unha Administración de Xustiza moderna e adaptada aos tempos. Así, destacou os pasos dados para ser pioneiros na implantación do novo modelo de Oficina Fiscal, da man da Unidade de Apoio á Fiscalía Xeral do Estado, que busca gañar unha maior axilidade, eficacia e operatividade nos traballos da Fiscalía.

Actualmente, está xeneralizada a rede de videoconferencia, facilitando o acceso remoto dos fiscais aos sistemas de información e estase a poñer en marcha o visor dos expedientes, que lles permitirá acceder dixitalmente a estes.

O vicepresidente tamén destacou a implantación do expediente xudicial electrónico e da sede electrónica dixital, indicando que a modernización da nosa xustiza, coa implantación das novas tecnoloxías, suporá melloras á hora de traballar para todos os operadores xurídicos e, sobre todo, beneficios para todos os cidadáns e unha Administración de Xustiza máis áxil e máis eficaz.

Con anterioridade á clausura do curso, Alfonso Rueda asinou co director da Escola de Verán do Ministerio Fiscal, Fidel Ángel Cadena Serrano, co presidente da Deputación Provincial da Coruña, Valentín González Formoso, e co director do Centro de Estudos Xurídicos, Antonio Zárate, o convenio para a formación continuada de fiscais na “Escola de Verán do Ministerio Fiscal”.

17 de xuño de 2016 | 18:04 • Sen comentarios

Comentarios pechados.