publicidade hoxe
Publicidade
omeulibro1

A Xunta licita por dous millóns de euros as obras de renovación do colector do río Breiro e a instalación dun estanque de retención en Boiro

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA CoruñaBoiroLocal Portada
A-
A+

A Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio licita hoxe no Diario Oficial de Galicia (http://bit.ly/28MURpQ) as obras da terceira e última fase do Plan de saneamento da Xunta en Boiro, por un importe de máis de dous millóns de euros.

As obras consistirán na renovación do colector do río Breiro, no que se mellorarán as instalacións, subsanaranse as súas carencias e eliminaranse as infiltracións. Ademais, vaise separar a rede de pluviais da rede unitaria, utilizando un novidoso estanque de retención para o tratamento das augas pluviais antes da súa vertedura á canle do río Breiro. Esta separación vai permitir, ao mesmo tempo, aumentar a eficacia e eficiencia do saneamento da EDAR de Boiro. E, por último e en terceiro lugar, vaise mellorar a capacidade hidráulica do río Breiro.

Ademais estas melloras no saneamento combinaranse co deseño dun espazo verde, que incluirá unha pasarela de madeira, un pequeno merendeiro e unha senda peonil ata a praia de Barraña.

As previsións de Augas de Galicia respecto desta actuación son iniciar as obras antes de que remate o ano e teñen un prazo de execución de 8 meses.

Na actualidade, as augas fecais e pluviais xeradas no núcleo de Boiro son recollidas e transportadas polo colector do río Breiro, ao colector interceptor do paseo marítimo, e presenta carencias, xa que o estado do colector provoca a entrada desmesurada de auga de infiltración ao sistema de saneamento. Por outro lado, o funcionamento hidráulico do río presenta carencias en canto á capacidade de desaugue da canle nalgunhas das obras de paso antes da desembocadura deste, o que provoca con frecuencia, inundacións nas proximidades da estrada CP-1105.

Nese sentido, o proxecto licitado hoxe solucionará esta problemática con actuacións tanto na rede de saneamento existente, coma na canle do río Breiro.

Estes traballos completan o Plan de saneamento do Goberno autonómico en Boiro, no que a Xunta está a investir en total preto de 6 millóns de euros. A súa primeira fase consistiu na construción dun novo interceptor na praia de Barraña, que se terminou en 2011 grazas a un investimento de 2,8 millóns de euros.

A segunda fase, rematada recentemente, centrouse na mellora dos bombeos de Esteiro e Sabuqueiro. Mato achegouse a coñecer o resultado destes traballos, nos que a Xunta investiu preto de 1,1 millóns de euros.

Ata o de agora, estes bombeos non acadaban os caudais suficientes para o bo funcionamento da rede. Para solucionar esta problemática, no caso de Esteiro executouse un novo pozo de bombeo, que vai evitar os alivios que se producían no anterior en tempos de choiva; e en Sabuqueiro, tamén con problemas de baixo rendemento, instaláronse dúas bombas sumerxibles con alta capacidade de bombeo.

Ademais, dentro da aposta pola Xunta pola modernización das redes de saneamento, incluíuse un sistema de telexestión para poder controlar estes bombeos e o tanque de Chouza, os principais da rede de Boiro. Este sistema monitoriza o funcionamento da rede, e ata agora só estaba instalado na ría do Burgo.

Estes esforzos enmárcanse no firme compromiso da Xunta co saneamento das masas de auga galegas. Desde 2009, o Goberno autonómico ten investido, só en saneamento, máis de 1.000 millóns de euros, dos que case 600 millóns de euros foron destinados exclusivamente á depuración das rías.

22 de xuño de 2016 | 13:20 • Sen comentarios

Comentarios pechados.