publicidade hoxe

A Xunta iniciará no verán a contratación das obras de mellora da estrada que vai a Cerceda, ao seu paso por Mercurín

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaOrdes
A-
A+
Ethel Vázquez na reunión co rexedor de Ordes

Ethel Vázquez na reunión co rexedor de Ordes

A conselleira de Infraestruturas e Vivenda, Ethel Vázquez, mantivo hoxe unha xuntanza de traballo co alcalde de Ordes, José Luís Martínez, ao que lle trasladou que hoxe iníciase a información pública das obras de mellora na estrada entre este municipio e Cerceda, ao seu paso por Mercurín, coa fin de iniciar a contratación dos traballos no verán. O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe este anuncio, que se pode consultar neste enlace. Con esta publicación do inicio da información pública comeza o trámite de expropiacións.

Esta mellora suporá un investimento de 2,3 millóns de euros por parte da Xunta, tendo en conta as expropiacións e a reposición dos servizos afectados.

Vázquez Mourelle sinala que esta actuación redundará nunha maior comodidade nos desprazamentos e tamén nun incremento da seguridade viaria. Trátase dunha estrada, cuxa titularidade vén de asumir a Xunta, na que se levarán a cabo obras de ensanche e acondicionamento ao longo dun treito de arredor de 7 quilómetros.

Os traballos centraranse na ampliación da plataforma ata acadar un ancho de 9 metros, máis adaptado ás necesidades de mobilidade nesta zona, na que predominan os vehículos pesados, xa que é un dos principais accesos ás empresas de Cerceda, onde están industrias tan importantes como Sogama.

O proxecto tamén contempla intervencións nas principais interseccións: habilitaranse pequenos carrís de aceleración e desaceleración para favorecer as incorporacións, semiglorietas que facilitarán os cambios de sentido en condicións de maior seguridade e construirase unha glorieta no acceso ao complexo medioambiental de Sogama, o que permitirá realizar os xiros e todos os movementos coas máximas garantías de seguridade.

A titular de Infraestruturas explicou que a ampliación e mellora desta estrada é unha actuación moi demandada polos cidadáns, xa que favorece a circulación e os desprazamentos entre Ordes e Cerceda.

Segundo indicou a conselleira, a actuación redundará en beneficios para os veciños destes dous municipios; os centos de traballadores que se desprazan cada día ás diferentes empresas do Concello; e tamén para os visitantes que, sobre todo no verán, se achegan a desfrutar do parque acuático de Cerceda.

Vázquez subliñou que estas obras pódense levar a cabo grazas ao entendemento e á cooperación entre dúas administracións -Goberno galego e Concello-, que ten posibilitado o cambio de titularidade de varias estradas, entre elas, esta de Ordes-Cerceda por Mercurín, a prol da Xunta de Galicia, que se encargará agora do seu acondicionamento, mantemento e conservación.

17 de xuño de 2016 | 17:44 • Sen comentarios

Comentarios pechados.