publicidade hoxe

A Xunta explica aos representantes dos concellos de Santiago e Teo o funcionamento do Programa de vivendas baleiras

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaSantiago de CompostelaTeo
A-
A+

O director do Instituto Galego da Vivenda e Solo, Heriberto García Porto, explicou hoxe o funcionamento do Programa de Vivendas Baleiras aos representantes dos concellos de Santiago e de Teo, cos que mantivo respectivas reunións esta mañá. Nesas xuntanzas, ademais, informoulles de que, grazas ao acordo asinado entre o Goberno galego e o Consello da Avogacía, o Colexio de Avogados de Santiago presta asesoramento xurídico gratuíto ás persoas sen recursos que afrontan dificultades en relación coa vivenda.

O Programa de Vivendas Baleiras é unha iniciativa da Xunta, coordinada coa Federación Galega de Municipios e Provincias, co obxectivo de mobilizar inmobles desocupados. Para a súa materialización, cada concello interesado debe solicitar a súa adhesión ao programa á Xunta e asinar o convenio correspondente. Hoxe, o Concello de Ourense foi o primeiro municipio galego en formalizar a súa adhesión a este Programa.

Ata o momento xa son 19 os concellos de toda Galicia que solicitaron formalmente a adhesión ao Programa de Vivendas Baleiras e uns 26 concellos solicitaron do IGVS información previa.

Nas reunións, García Porto indicou que, a través do convenio co Consello da Avogacía Galega, se presta asistencia xurídica gratuíta aos cidadáns que acrediten carencia de recursos económicos en canto a todos aqueles aspectos referidos a trámites de carácter administrativo ou xudicial no ámbito relacionado cos dereitos e obrigas das persoas en risco de perder a súa vivenda como consecuencia dun procedemento de execución hipotecaria, polo impago da renda de aluguer ou por calquera outra circunstancia imprevista ou sobrevida, sempre que esta vivenda constitúa o seu domicilio habitual e permanente.

O asesoramento realízase sobre todos os programas de axudas aprobados polo Instituto Galego da Vivenda e Solo que teñan por obxecto evitar a perdida da vivenda a persoas que estean en situación de desamparo, así como daqueles outros que estean orientados a solucionar o problema do seu realoxo.

Os interesados en dita asesoría xurídica gratuíta na área de Santiago de Compostela poderán solicitala todos os mércores, en horario de 10:00 a 13:00 dirixíndose ao Colexio de Avogados de Santiago, na rúa Eduardo Pondal, 4 baixo, en Santiago de Compostela.

6 de xuño de 2016 | 17:43 • Sen comentarios

Comentarios pechados.