publicidade hoxe

A Xunta executará unha senda peonil na estrada AC-133 no treito antigo do ramo

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaFene
A-
A+

O director da Axencia de Infraestruturas (AXI), Francisco Menéndez, xunto co delegado territorial da Xunta na Coruña, Diego Calvo, mantivo hoxe unha reunión coa corporación municipal de Fene e a directiva do CEIP O Ramo para abordar a construción dunha senda peonil no treito antigo da estrada AC-133 coa fin de incrementar a seguridade nesta zona.

Menéndez sinalou que o proxecto construtivo desta actuación estará redactado este verán, o que permitirá poder licitar as obras este mesmo ano e que os veciños de Fene poderán dispoñer, canto antes, de sendas seguras, sostibles e integradas na paisaxe que empregarán nos seus desprazamentos habituais.

A Consellería de Infraestruturas e Vivenda financia este proxecto mediante a achega dun investimento de máis de 223.000 euros.

Esta actuación, enmarcada na primeira fase do Plan de Sendas de Galicia, na comarca de Ferrol, ten como obxectivo mellorar a seguridade nunha vía que dá acceso a varios equipamentos docentes e culturais como o colexio, a escola infantil, o campo de fútbol ou o pavillón de deportes, polo que rexistra un elevado número de desprazamentos tanto a pé como en vehículos.

A Xunta establecerá un itinerario peonil de 130 metros de lonxitude pola marxe dereita no primeiro tramo da estrada ata a pasarela existente. O percorrido constará dunha senda elevada da plataforma da estrada para a protección dos peóns. O proxecto tamén contempla un afirmado da plataforma para acadar unha infraestrutura acondicionada para o uso compartido de ciclistas e vehículos.

No que se refire á pasarela existente, executarase un reacondicionamento mediante a reparación de elementos deteriorados e o pintado da totalidade da infraestrutura. Unha vez pasada a pasarela, habilitarase un itinerario peonil pola marxe esquerda da vía de 440 metros, que contará con características similares ás do primeiro treito.

Outras accións a levar a cabo son a reposición da drenaxe mediante a canalización enterrada, sinalización horizontal mediante pintado de novas marcas viais, substitución de varandas e balizamento.

Plan de Sendas

As accións abordadas hoxe están enmarcadas na primeira fase do Plan de Sendas de Galicia, que en total prevé a construción de 170 novos quilómetros de itinerarios peonís e para bicis. Para a comarca de Ferrol destínase un investimento de 2,7 millóns de euros para a construción de 6 novas sendas seguras e sustentables, que suman un total de 9 quilómetros de actuacións.

O Plan de Sendas desenvólvese no marco do Plan de Seguridade Viaria 2016-2020, aprobado o pasado mes de febreiro e que se fixa como obxectivo estratéxico reducir á metade as vítimas mortais nas estradas galegas. Ademais alíñase cos obxectivos do Plan Estratéxico 2015-2020 de Galicia e coa Estratexia Europea 2020, en canto á promoción dunha economía baixa en carbono mediante o fomento dunha mobilidade sustentable.

O citado plan recolle actuacións coordinadas sobre a totalidade do territorio galego na procura de dous obxectivos prioritarios: protexer e incrementar a seguridade de peóns e ciclistas, os usuarios máis vulnerables das estradas; e promover unha mobilidade máis sustentable, favorecendo desprazamentos alternativos á utilización do vehículo particular.

16 de xuño de 2016 | 17:56 • Sen comentarios

Comentarios pechados.