publicidade hoxe

A Xunta destaca a capacidade do sector do granito para manter os 4.000 postos de traballo

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaO Porriño
A-
A+
Ángel Bernardo Tahoces na visita a Grupo Levantina no Porriño

Ángel Bernardo Tahoces na visita a Grupo Levantina no Porriño

O director xeral de Enerxía e Minas, Ángel Bernardo Tahoces, acompañado polo delegado territorial da Xunta en Vigo, Ignacio
López-Chaves, e representantes do Clúster do Granito e da Fundación Centro Tecnolóxico do Granito de Galicia, visitou esta mañá a fábrica do Grupo Levantina no polígono industrial As Gándaras no Porriño, onde sinalou a capacidade do sector para consolidar a súa actividade económica e o mantemento dos postos de traballo, que suman na comunidade un total de 4.000 empregos entre directos e indirectos.

Bernardo Tahoces indicou que a colaboración da Xunta, a través da Consellería de Economía, Emprego e Industria, e o sector permite que o granito sexa unha das actividades de referencia non so tecido empresarial desta comarca pontevedresa, senón tamén a nviel galego. Así, o director xeral puxo como exemplo o nivel de exportacións alcanzado o ano pasado, con 449.000 toneladas, unha cifra similar á de 2014 pero cun incremento no volume de facturación do 9%, en concreto, 10 millóns de euros máis, pasando de 113 a 123 millóns en 2015. Este crecemento, segundo engadiu Bernardo Tahoces, evidencia que o sector está a mellorar en prezos “froito do seu esforzo por incrementar o valor engadido do seu produto”.

Para colaborar co sector e fomentar o uso deste material, a Consellería de Economía, Emprego e Industria puxo en marcha unha nova convocatoria do Plan Renove que impulsa o uso do granito nas fachadas de edificios de vivendas. Deste xeito, o director xeral de Enerxía e Minas informou de que este ano o Goberno galego dedica 400.000 euros para a execución de máis de 40 proxectos, co que se aspira a mobilizar arredor de 1,4 millóns e xerar preto de 100 postos de traballo no sector do granito en Galicia.

As axudas autonómicas diríxense tanto a familias como a comunidades de propietarios de inmobles. Neste sentido, Tahoces destacou o “éxito” do programa, que ten como obxectivo “mellorar o benestar das familias” e apostar pola creación de actividade industrial e o uso do granito en Galicia. Ademais, a utilización deste material nas fachadas dos edificios favorece a mellora da eficiencia enerxética das vivendas, polo que ao mesmo tempo supón un aforro económico para os fogares galegos.

Durante a visita á planta do Grupo Levantina no Porriño, o director xeral de Enerxía e Minas aproveitou tamén para recordar que o clima de cooperación existente entre a administración autonómica, o Clúster do Granito e a propia empresa permitiu poñer en marcha medidas para protexer a saúde dos traballadores e cumprir a Instrucción Técnica Complementaria (ITC) que regula a protección contra o po, en relación á silicoses, nas industrias extractivas. En concreto, esta orde establece como uns valores límites de exposición ao po de 3mg/m3, e de 0,1mg/m3 con respecto ao sílice libre. Nesta empresa do polígono As Gándaras, cos últimos sistemas instalados, os valores reducíronse nun 30 e nun 47%, respectivamente, por debaixo dos límites que establece a normativa.

2 de xuño de 2016 | 18:00 • Sen comentarios

Comentarios pechados.