publicidade hoxe
Publicidade
omeulibro1

A Xunta colabora con 600 familias e comunidades de propietarios para impulsar o uso da tella en obras de rehabilitación

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaMesía
A-
A+

O director xeral de Enerxía e Minas, Ángel Bernardo Tahoces, visitou esta mañá a empresa de materiais cerámicos de construción Campo Brick, no municipio coruñés de Mesía, onde fixo un balance dos resultados obtidos este ano a través do Plan Renove de Cubertas de Tella Cerámica, un proxecto autonómico que permitirá executar preto de 600 actuacións en edificios de vivendas e dar traballo a máis de 1.100 profesionais.

Galicia conta na actualidade con 31 explotacións cerámicas que xeran 187 postos de traballo de maneira directa e producen 9 millóns de toneladas cun valor aproximado de 52 millóns de euros. Durante a visita, o director xeral de Enerxía e Minas estivo acompañado pola Asociación Española de Fabricantes de Ladrillos e Tellas de Arxila Cocida (Hispalyt), entidade á que agradeceu o traballo impulsado desde a súa creación en 1968 para defender os intereses comúns das empresas do sector e fomentar o recoñecemento dos materiais cerámicos.

Tahoces destacou o compromiso do Goberno galego con este sector a través do Plan Renove de Cubertas de Tella Cerámica, dirixido á renovación de edificios con este material e do que se poden beneficiar familias e comunidades de propietarios, con apoios de ata o 40% do investimento e un límite de inversión que se pode subvencionar de 55 euros por metro cadrado de cuberta.

Na edición deste ano, o Plan Renove contou cun crédito inicial de 600.000 euros. A boa acollida que tivo esta proposta entre familias e comunidades de propietarios, cun total de 670 solicitudes presentadas, levou á Consellería de Economía, Emprego e Industria a incrementar o orzamento nun 150%, ata acadar os 2,1 millóns de euros.

Con esta achega económica, poderanse atender 579 peticións que mobilizarán 9,3 millóns de euros, suporán a creación de máis de 1.100 postos de traballo no sector e contribuirán á redución dos consumos enerxéticos nos fogares galegos. “O éxito deste plan non busca outra finalidade que beneficiar ás familias, ao noso sector cerámico e ao sector mineiro”, concluíu o director xeral de Enerxía e Minas.

8 de xuño de 2016 | 17:22 • Sen comentarios

Comentarios pechados.