publicidade hoxe
Publicidade
omeulibro1

A Xunta asume a titularidade da estrada Ordes–Cerceda ao seu paso por Mercurín

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaCercedaOrdes
A-
A+

O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe o cambio de titularidade de varios treitos de estradas autonómicas e locais entre o Goberno galego e o Concello de Ordes. A Xunta de Galicia asume a titularidade da estrada local que comunica Ordes e Cerceda, que pasa por Mercurín, para executar actuacións de mellora.

Trátase dunha vía de 8,28 km que constitúe o principal acceso a Sogama. O Goberno galego levará a cabo actuacións de mellora nesta estrada. As obras, que serán licitadas pola Axencia Galega de Infraestruturas neste ano, en canto se formalicen os cambios de titularidade e se aprobe o proxecto construtivo, disporán dun orzamento que superará os 2 millóns de euros.

Ao abeiro das previsións legais, os servizos competentes da Axencia Galega de Infraestruturas emitan informe favorable sobre o dito cambio de titularidade e propoñen outros cambios de titularidade de vías entre as dúas administracións, que foron aceptados pola Administración local e que veñen a racionalizar a rede viaria de modo coherente co seu uso.

Por unha parte, o Concello traspasa á Xunta dúas estradas de titularidade municipal que serven de variante ao núcleo urbano de Ordes: a que comunica a N-550 coa glorieta da AC-524 situada no seu p.q. 0+480; e a estrada que se inicia na mesma AC-524 e finaliza na N-550, atravesando o polígono industrial.

Por outra parte, a Xunta transfire ao Concello vías que actualmente pertencen ao Goberno galego, pero que discorren por solo urbano e rexistran un tráfico maioritariamente local, polo que é mais apropiado que pertenzan á Administración local. Trátase da estrada AC-147 (AC-524–Ordes–AC-524) cunha lonxitude de 0,91 km, que atravesa solo urbano e rexistra un tráfico local. Tamén se recolle a AC-524 (Ordes-Lanzá) desde o punto quilométrico 0 (N-550) ao 0+280 (intersección coa AC-417), que tamén atravesa solo urbano; nove treitos antigos da AC-413 (Ordes (DP-5903)–Carballo (DP-1905), que suman 2,45 km; e cinco treitos antigos da AC-524(Ordes-Lanzá).

Cómpre lembrar que o Concello de Ordes e a Axencia Galega de Infraestruturas asinaron o 27 de abril de 2016 un acordo para o cambio de titularidade dos treitos de estradas autonómicas e locais relacionados.

De acordo co establecido no artigo 9.6 da Lei 8/2013, do 28 de xuño, de estradas de Galicia, o cambio de titularidade será efectivo ao día seguinte da publicación deste decreto no Diario Oficial de Galicia. A entrega dos bens formalizarase no prazo dos dous meses seguintes a esta publicación mediante a sinatura da correspondente acta de entrega.

Corresponderanlle ao Concello de Ordes e a Xunta de Galicia, a partir da formalización da entrega, todas as actividades de xestión, mantemento, conservación e explotación das vías, así como o exercicio das funcións de disciplina viaria e calquera outra que puidese corresponderlle como nova Administración titular das estradas.

8 de xuño de 2016 | 17:03 • Sen comentarios

Comentarios pechados.