publicidade hoxe
Publicidade
omeulibro1

A Xunta anima aos emprendedores de Lugo a formar parte das novas aceleradoras de Monforte e Mondoñedo

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaChantadaLugoMondoñedoMonforte de Lemos
A-
A+

O director xeral do Igape, Javier Aguilera, animou hoxe aos emprendedores de Lugo a utilizar os servizos e instrumentos de apoio que a Consellería de Economía, Emprego e Industria pon a súa disposición e que se verán reforzados de xeito inminente coa posta en marcha das aceleradoras de Monforte de Lemos e Mondoñedo, onde, segundo indicou, poderán recibir formación e asesoramento para desenvolver novas empresas ata 500 persoas durante os dous próximos anos.

Durante a súa intervención na clausura do Congreso AJE Lugo que se celebrou hoxe en Chantada, Aguilera destacou o labor de cooperación activa das asociacións de xoves empresarios, no ámbito da unidade Galicia Emprende, para avanzar no desenvolvemento da Lei do Emprendemento; unha labor que, segundo dixo, está permitindo que Galicia teña o máis completo programa de servizos de formación, asesoramento e instrumentos de apoio para potenciar a iniciativa emprendedora na comunidade autónoma.

O director do Igape salientou que o obxectivo é que os emprendedores conten con apoio integral, á medida das necesidades e segundo a fase de desenvovemento de cada proxecto empresarial; ao tempo que destacou os programas de formación e asesoramento personalizado; as axudas financeiras ou os préstamos participativos a través de fondos como o Galicia Iniciativas Emprendedoras de Xesgalicia; o financiamento privado a través da Rede Galega de Business Angels; e instrumentos de apoio á consolidación e desenvolvemento de novos proxectos empresariais como a Rede Galega de Mentores, con expertos en xestión empresarial que apoian o desenvolvemento de novas empresas.

Entre as medidas máis recentes, Aguilera referiuse ao acordo de cooperación entre a Xunta e a Escuela de Organización Industrial (EOI) para facilitar, mediante a colaboración dos concellos, a apertura de seis novos espazos de traballo en común e aceleradoras de emprendemento: ademais de Mondoñedo e Monforte, instalaranse en Cabana de Bergantiños, Ferrol, Celanova e Xinzo de Limia. A actuación, cun investimento conxunto de 4,8 millóns de euros e cofinanciamento do FSE, beneficiará, durante 2 anos, a arredor de 1.500 persoas con vocación emprendedora en toda Galicia.

O congreso de AJE Lugo reuniu en Chantada a expertos en emprendemento e representantes de empresas consolidadas como Hotusa, Urovesa, Frisaqués ou AMSLab, xunto con representantes de novas empresas en fase de consolidación. O congreso acolleu tamén unha mesa redonda sobre instrumentos de financiamento para apoiar os investimentos en Galicia na que participaron representantes do Igape, de Abanca e da Cámara de Comercio de Lugo.

6 de xuño de 2016 | 17:24 • Sen comentarios

Comentarios pechados.