publicidade hoxe

A presa de Prada proba o seu plan de emerxencia exterior

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA Veiga
A-
A+

O vindeiro mércores, día 22, a presa de Prada, emprazada no concello ourensán de A Veiga, realizará unha proba de son da serea do seu Plan de emerxencia exterior (PEE) que servirá para avaliar o seu correcto funcionamento e así dar a coñecer o seu son aos cidadáns.

Endesa está a implantar o PEE desta central, que ten coma finalidade o incremento das garantías de seguridade que xa ofrece a presa. Esta iniciativa realízase baixo control da Dirección Xeral de Emerxencias e Interior da Xunta de Galicia, Delegación do Goberno, Confederación Hidrográfica do Miño-Sil e o concellos de A Veiga.

Este exercicio, que aparece recollido dentro do texto do PEE, repítese periodicamente e consistirá nunha simulación da activación do Plan, coa proba de serea, que no caso dunha activación real do Plan serviría como elemento de aviso á poboación. Así, a realización deste exercicio contribuirá a que a poboación da zona afectada por un hipotético accidente se familiarice co son da serea.

O sinal das sereas da presa será audible entre as 11.00 e as 12.30 horas nos lugares de Prada, poboado de Prada, Corexido e Teixido. Esta proba non afectará á actividade diaria dos veciños, xa que so se trata dun ensaio.

A delegada territorial da Xunta en Ourense, Marisol Díaz Mouteira, subliña a importancia que teñen este tipo de exercicios, xa que dan a coñecer á poboación da zona as medidas de autoprotección a aplicar en caso dun incidente, ademais da necesidade dunha coordinación efectiva entre as administracións e as empresas para garantir a seguridade na zona.

Díaz Mouteira destaca a importancia da aposta pola prevención, como mellor ferramenta de resposta ante as posibles emerxencias, liña na que se enmarcan os plans de emerxencia exterior elaborados polo Goberno galego. Os PEE teñen como obxectivo determinar os posibles riscos das instalacións industriais e ter preparada a resposta adecuada para minimizar as consecuencias en caso de producirse un accidente.

20 de xuño de 2016 | 11:21 • Sen comentarios

Comentarios pechados.