publicidade hoxe
Publicidade
omeulibro1

A Fiscalía rebaixa a petición de cárcere para o exalcalde de Castro de Rei

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaCastro de ReiLocal PortadaPortada esquerda
A-
A+
Europa Press

O fiscal da ‘Operación Rei’, sobre a suposta adxudicación de contratación de obras e servizos públicos a empresas sen seguir os procedementos regulados no Concello de Castro de Rei, rebaixou este xoves a petición de pena de cárcere para o entón rexedor, Juan José Díaz Valiño, e retirou a acusación contra a exedil Ana María Canto.

Na última sesión deste xuízo, que se celebra na Audiencia Provincial de Lugo, o Ministerio Público modificou as súas conclusións e cambiou a cualificación dos delitos e as penas que pide para os acusados.

Neste sentido, retirou a acusación de falsidade de documento público por parte de Díaz Valiño, pola que pedía catro anos de prisión. Así, mantén a petición de 10 meses de cárcere por un delito de tráfico de influencias, polo que reclama unha multa de 30.000 euros e inhabilitación especial para exercer cargo público por catro anos.

A maiores, mantén a acusación de prevaricación administrativa, pola que pide unha inhabilitación adicional de nove anos, e a de suborno, con multa de 3.000 euros e dous anos de inhabilitación.

Outro dos puntos relevantes da intervención do fiscal foi a retirada das acusacións contra a exconcelleira Ana María Mato, para a que pedía nove anos de inhabilitación.

Para o que era tenente de alcalde e que continúa como edil Roberto Lorenzo, e para o exconcelleiro Antonio Balado, o Ministerio Público mantén a petición de nove anos de inhabilitación para cargo e emprego público por un delito continuado de prevaricación administrativa.

Finalmente, para a secretaria municipal María José F.L. mantén a acusación de falsidade en certificado, pola que pide seis meses de suspensión de emprego en cargo público, aínda que retirou o delito de prevaricación urbanística.

ÚLTIMA XORNADA

Coa previsión de declaración de preto de trinta testemuñas, a xornada deste xoves arrincou coas comparecencias de cargos ou excargos políticos na Deputación de Lugo que, dalgún modo, estiveron implicados nas adxudicacións do mantemento das estradas da provincia.

Así, o exdiputado de Vías e Obras Manuel Martíenz, a exdiputada de Economía Regina Polín e o exsecretario xeral da Deputación,José Antonio Mourelle Cillero negaron que Díaz Valiño lles expresase naquel momento algún interese por adxudicar o mantemento de estradas da zona na que se incluía o seu municipio a unha empresa amiga. Ademais, afirmaron non ter constancia de que o exalcalde presionase a algún técnico sobre esta cuestión.

Martínez e Polín tamén foron preguntados en calidade de alcaldes de Becerreá e Guitiriz, respectivamente, sobre se sufriran dificultades aqueles anos para sacar adiante as adxudicacións das obras do Plan E. Ambos coincidiron ao sinalar os obstáculos para cumprir os prazos establecidos, en tanto que había “moita obra pública” e as empresas non tiñan capacidade para concorrer a tantos concursos en distintos concellos, en concordancia coas teses expresadas o martes polos acusados.

Estas tres testemuñas, ademais do exconcelleiro de Castro de Rei Mario Saavedra, advertiron de que os informes dos técnicos sobre as adxudicacións sempre son públicos, polo que calquera empresario ou cidadán particular podía estar presente.

Con respecto ás irregularidades do coñecido como edificio Marballe, en Castro Ribeiras de Lea, construído con anterioridade ao mandato de Díaz Valiño, foi preguntado un arquitecto, que insistiu no ánimo do exalcalde de buscar unha solución para as familias que habitaban o corenta vivendas do inmoble.

Sobre este mesmo asunto foi preguntado, en calidade de testemuña, o actual alcalde de Castro de Rei, Francisco Balado -irmán do acusado Antonio Balado-, que fixo un relato da actuación do seu goberno para a reposición de legalidade do edificio dentro dos marcos legais.

16 de xuño de 2016 | 16:47 • Sen comentarios

Comentarios pechados.