publicidade hoxe

800 cativos participan na Coruña e na Mariña lucense no Torneo de fútbol sala “Memorial Héroes do Orzán”

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA CoruñaA CoruñaBurelaDeportesDeportes PortadaFozViveiroXove
A-
A+
Presentación do torneo de fútbol

Presentación do torneo de fútbol

Uns 800 nenos e nenas pertencentes ás distintas categorías base (prebenxamín, benxamín, alevín, infantil, cadete e xuvenil) de 30 clubes de fútbol sala das catro provincias galegas, Madrid, Asturias e Castela-León, participarán no Torneo de fútbol sala “Memorial Héroes do Orzán”, que se desenvolverá na Coruña e nas localidades lucenses de Burela, Foz, Xove e Viveiro entre o 29 de xuño e o 3 de xullo.

O torneo foi presentado esta mañá na sede da Deputación da Coruña polo deputado responsable da área de Deporte e Xuventude da institución provincial, José García Liñares; o presidente da Fundación Imdecum, organizadora do campionato, Marcelino Luna; o seleccionador nacional de fútbol sala, José Venancio López Hierro, que actúa como padriño do evento; e os familiares e compañeiros de Rodrigo Maseda, Javier López e José Antonio Villamor, os tres policías falecidos en acto de servizo o 27 de xaneiro de 2012 nas augas do Orzán durante o intento de rescate do mozo eslovaco Tomas Velicky.

Coa celebración deste evento deportivo, ademáis de promocionar o deporte de base entre os mozos e mozas coruñesas, a Deputación quere “contribuír a que a memoria destas persoas non caia no olvido”, segundo apuntou García Liñares, que subliñou “a lección de humanidade, profesionalidade e valentía” dos tres axentes, que “non dubidaron en cumprir co seu deber, arriscando a súa vida para axudar a alguén en apuros e esquecéndose incluso de sí mesmos”.

“As familias agradecemos moito que esta iniciativa tan bonita leve o nome dos nosos”, afirmou Isabel Lozano, portavoz dos familiares e compañeiros dos policías falecidos en acto de servizo, que agredeceu o apoio das institucións para que a iniciativa siga medrando e fomentando entre os cativos “valores como o traballo en equipo, que os nosos fillos coñecían ben”.

Pola súa banda, o seleccionador nacional de fútbol sala, José Venancio López del Hierro, considerou “un gran orgullo” ser nomeado como padriño da presente edición do Torneo e subliñou a importancia que ten o deporte de base na formación da xuventude.

“Os valores que transmite o deporte son tamén importantes dende o punto de vista social”, afirmou López del Hierro, que destacou tamén a xenerosidade ou o traballo en equipo como pezas clave na aprendizaxe desta disciplina deportiva.

O presidente da Fundación Imdecum, Marcelino Luna, incidiu tamén na importancia de transmitir estes valores á xente moza e narrou cómo xordeu a idea de organizar este campeonato, que comezou con 100 nenos en Burela hai cinco anos e que nesta edición chegará aos 800 con sedes en toda a Mariña lucense e na Coruña. “Nas vindeiras edicións queremos seguir medrando”, afirmou.

Tras catro edicións como Torneo de fútbol sala “Memorial Rodrigo Maseda”, en honor ao policía burelense que entregou a súa vida no tráxico suceso da praia do Orzán en 2012, este evento deportivo amplíase este ano coa colaboración da Deputación da Coruña e pasa a denominarse “Memorial Héroes do Orzán”.

Con este cambio, quérese honrar tamén a memoria dos axentes Javier López López e José Antonio Villamor Vázquez, compañeiros do anterior, que tamén pereceron esa noite.

A competición desenvolverase entre o 29 de xuño e o 3 de xullo. A Coruña acollerá os encontros das catergorías Sub-16 e Sub-19 feminino nos pavillóns do Ventorillo e Novo Mesoiro.

Nas sedes de A Mariña (Burela, Foz, Cervo, Xove e Viveiro) distribuiranse as catergorías prebenxamín, benxamín, alevín, infantil, cadete e xuvenil.

15 de xuño de 2016 | 18:02 • Sen comentarios

Comentarios pechados.