publicidade hoxe

Xunta e Federación de Librerías de Galicia colaboran para a posta en marcha da primeira Feira do libro de Porriño

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocal PortadaO Porriño
A-
A+
Presentación da Feira do Libro do Porriño

Presentación da Feira do Libro do Porriño

O delegado territorial da Xunta en Vigo, Ignacio López-Chaves, participou esta mañá na I Feira do Libro do Porriño que, por primeira vez e xunto ao municipio de Redondela, se incorporan ao calendario de Feiras do Libro de Galicia que a Federación de Librerías de Galicia organiza coa colaboración da Administración Autonómica.

Xunto á presidenta da Federación de Librarías de Galicia, Pilar Rodríguez, e o tenente de alcalde do Porriño, Manuel Carrera, López-Chaves resaltou na súa intervención a completa programación que persegue o certame co obxectivo de chegar a todos os públicos así como a importancia de dar visibilidade ao sector editorial coa presenza nas rúas. A I Feira do Libro do Porriño se celebra así dende o 12 ao 15 de maio coa participación de 7 librarías de Vigo e O Porriño na rúa Ramón González.

O delegado agradeceu á Federación de Librarías e ao Concello do Porriño a súa implicación e organización ademais de amosar o compromiso e aposta da Xunta de Galicia pola difusión e promoción cultural neste ámbito. Neste senso, lembrou que neste ano 2015 se amplía o calendario das feiras con dúas citas máis, de xeito que se incorporan ao programa os municipios do Porriño e de Redondela.

14 feiras en toda Galicia

A Federación de Librarías de Galicia e a Xunta de Galicia a través da Secretaría Xeral de Cultura promoven as Feiras do Libro de Galicia para favorecer o comercio editorial e a dinamización da lectura, cun calendario que este ano chega a un total de 14 concellos sendo a cita do Porriño a cuarta do calendario despois de pasar xa por Pontevedra (do 5 ao 10 de abril), por Ferrol (do 20 ao 24 de abril), por Santiago de Compostela (do 30 de abril ao 8 de maio), Porriño (do 12 ao 15 de maio), para continuar coa cidade de Lugo (do 17 ao 22 de maio), Ourense (do 3 ao 8 de xuño); Concello de Redondela (do 16 ao 19 de xuño), Ribeira (do 23 ao 26 de xuño), Vigo (do 1 ao 10 de xullo), Rianxo (do 21 ao 24 de xullo), Coruña (do 1 ata o día 10 de agosto), Viveiro (do día 12 ao 15 de agosto); Foz (do 18 ao 21 de agosto); e, finalmente, Monforte de Lemos (do día 24 ao 27 de agosto).

11 de maio de 2016 | 17:59 • Sen comentarios

Comentarios pechados.