publicidade hoxe

Xunta e Concello de Pontecesures coordinan as actuacións necesarias para a posta en marcha do programa de vivendas baleiras

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaPontecesures
A-
A+

A Xunta e o Concello de Pontecesures están a coordinar as actuacións necesarias para a posta en marcha de forma efectiva do Programa de Vivendas Baleiras. Para elo, o director do Instituto Galego da Vivenda e Solo, Heriberto García Porto, mantivo hoxe unha reunión co tenente de alcalde e concelleiro de Obras e Infraestruturas do concello de Pontecesures, Ángel Souto Cordo, co obxectivo de explicarlle o funcionamento deste Programa.

Esta actuación foi posta en marcha polo IGVS no pasado mes de abril no marco do Plan rehaVIta, plan galego de rehabilitación, alugueiro e mellor acceso á vivenda 2015-2020. Na mesma reunión tamén se explicaron as 12 medidas postas en marcha pola Xunta de Galicia para evitar ou paliara os desafiuzamentos de vivendas.

Coa reunión informativa de hoxe o concello poderá poñer en marcha os mecanismos de captación de vivendas baleiras para a súa inclusión no programa da Xunta de Galicia, unha vez que se asine o correspondente acordo entre o IGVS e o concello adheríndose este último ao convenio asinado coa Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp).

O Programa de Vivendas Baleiras permitirá, grazas ao convenio asinado entre o IGVS e a Fegamp, destinar vivendas baleiras de propiedade pública ou privada ao alugueiro social por parte de familias desfavorecidas.

As vivendas que se incorporen a este programa terán aseguradas, por parte do IGVS e sen custe para os propietarios, as seguintes coberturas:

1. Un seguro multirrisco do fogar, polo que quedarán cubertos todos aqueles danos sufridos pola vivenda durante a vixencia do arrendamento.

2. Un seguro da garantía do cobro da renda nas mensualidades impagadas polos arrendatarios e a asistencia e defensa xurídica dos arrendadores nos procesos de desafiuzamento ou reclamacións de cantidade por impago de rendas, que inclúa como mínimo os honorarios de avogado e dereitos e suplidos de procurador, cando a súa intervención sexa preceptiva, gastos notariais e de outorgamento de poderes para preitos e gastos de execución procesual. A garantía do cobro das rendas impagadas non poderá superar o período máximo de doce mensualidades.

Estas coberturas serán efectivas durante o tempo en que as vivendas permanezan arrendadas ao abeiro deste programa.

Colectivos preferentes

Terán preferencia na adxudicación das vivendas deste programa as persoas dun dos seguintes colectivos:

a) Unidades familiares ou de convivencia afectadas por procedementos de execución hipotecaria, sen necesidade de que exista unha resolución xudicial de finalización do citado procedemento xudicial.

b) Unidades familiares ou de convivencia afectadas por un procedemento xudicial de desafiuzamento por impago de rendas da súa vivenda habitual.

c) Unidades familiares ou unidades de convivencia con fillos menores, así como familias numerosas e familias monoparentais con fillos a cargo.

d) Unidades familiares ou de convivencia nos que existan mulleres vítimas de violencia de xénero.

e) Unidades familiares ou de convivencia nos que existan persoas maiores de 65 anos ou persoas dependentes.

f) Unidades familiares ou de convivencia nas que existan persoas que foran beneficiarias de axudas ao aluguer de programas xestionados polo IGVS e que, unha vez vencido o período máximo de percepción das mesmas, permanezan nunha situación de desprotección ou especial vulnerabilidade.

g) Unidades familiares ou de convivencia con dificultades para asumir o custo do arrendamento dunha vivenda e que foran privadas da súa vivenda habitual por danos sufridos nesta, derivados dunha circunstancia imprevisible e sobrevida, tales como incendios, inundacións, etc.

31 de maio de 2016 | 18:36 • Sen comentarios

Comentarios pechados.