publicidade hoxe

Villanueva explica que o corpo a rescatar en Lobios está encaixado debaixo dunha pedra

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLobios
A-
A+
Europa Press

O delegado do Goberno en Galicia, Santiago Villanueva, explicou este luns que o corpo do novo portugués falecido cando practicaba barranquismo en Lobios (Ourense) “está encaixado debaixo dunha pedra”, o que dificulta o seu rescate.

En declaracións aos medios con motivo da súa presenza nun acto en Sanxenxo (Pontevedra), Villanueva relatou que o corpo do mozo se atopa “nunha situación moi complicada porque parece ser que está encaixado debaixo dunha pedra”.

“Iso unido ao alto caudal que ten o río dificulta os labores de rescate”, puntualizou, para engadir que “parece indicar todo que está enganchado coa corda coa que descendía”.

Por iso, resaltou que os efectivos de emerxencias mobilizados tratan de rescatalo, “mirando mesmo a posibilidade de poder reducir o caudal de auga que hai”.

Deste modo, insistiu o delegado do Goberno en que prosegue o rescate “sen poñer en perigo a vida dos rescatadores” e espera que “en breve prazo se poida culminar” coa recuperación do corpo da persoa falecida.

Villanueva recordou que o rescate está en marcha dende que o sábado se soubo que había unha persoa desaparecida dun grupo de catro cidadáns lusos, tres varóns e unha muller, que practicaban barranquismo na zona.

Tras ser localizado o desaparecido o domingo, o rescate retomouse este luns pola mañá pola dificultade para as tarefas pola zona na que se atopa. Nos labores colaboran co grupo de alto rescate da Garda Civil de Trives, o GES de Lobios e un grupo de rescate de Portugal, entre outros medios.

23 de maio de 2016 | 19:56 • Sen comentarios

Comentarios pechados.