publicidade hoxe

Valentín García recibe o alumnado de galego do Bierzo e de Sanabria que visita estes días Galicia en viaxe de estudos

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaGalicia exteriorPadrón
A-
A+
Valentín García con estudantes na Casa Museo de Rosalía de Castro en Padrón

Valentín García con estudantes na Casa Museo de Rosalía de Castro en Padrón

A emblemática Casa Museo de Rosalía de Castro acolleu esta mañá a recepción da Consellería de Cultura e Educación ao alumnado que estuda na lingua propia de Galicia nas comarcas galegofalantes do Bierzo e de Sanabria, situadas na comunidade de Castela e León. Alí os estudantes mantiveron un encontro co secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García Gómez, que estivo acompañado pola subdirectora xeral de Política Lingüística, María A. Antón Vilasánchez, e mais polo presidente da Fundación Rosalía de Castro, Anxo Angueira Viturro.

García Gómez animou os 112 rapaces e rapazas que participan nesta viaxe a Galicia a continuaren estudando e cultivando a que “é tamén a vosa lingua”, porque “o éxito do Programa para a Promoción da Lingua Galega en Castela e León depende, non só dos gobernos que asinaron o protocolo de colaboración que o fai posible, senón tamén do voso esforzo, da entrega do voso profesorado e da implicación das vosas familias, que son conscientes dos beneficios que ten para vós dominardes o galego”.

Visita a Galicia

Os 112 alumnos e alumnas e 8 docentes que, procedentes da comunidade de Castela e León, pasan estes días en Galicia, fixeron parada no Parque Arqueolóxico Rupestre de Campolameiro, en Vilanova de Arousa e en Padrón, amais de faceren a Ruta Xacobea do Mar de Arousa. Nestes lugares, participaron en obradoiros, actividades deportivas e de lingua, visitas guiadas e outros actos culturais.

1079 alumnos e alumnas de Galego en 18 centros

1079 alumnos e alumnas de educación infantil, primaria, ESO, bacharelato e escolas oficias de idiomas cursan durante o ano escolar en curso a área de galego e materias en galego como lingua vehicular nas comarcas estremeiras do Bierzo e de Sanabria, grazas á colaboración iniciada no ano 2001 entre a Xunta de Galicia e a Junta de Castela e León, ampliada coa sinatura do Protocolo xeral de colaboración entre os dous gobernos actualmente vixente. Fano nos 18 centros educativos -13 de infantil e primaria, 4 de educación secundaria e a Escola Oficial de Idiomas de Ponferrada- que participan no Programa de Promoción da Lingua Galega en Castela e León.

No marco do Programa, o alumnado dos centros participantes opta por recibir docencia co galego como lingua vehicular nas áreas de Linguaxes: comunicación e representación, en educación infantil; Ciencias sociais, Ciencias da natureza ou Educación artística, en primaria; e na de Ciencias sociais, xeografía e historia en secundaria obrigatoria, así como a cursar as materias de Lingua e cultura galega na ESO e no bacharelato.Ao estudantado que finaliza o programa na ESO e no bacharelato recoñécenselle os niveis oficiais de Certificación do coñecemento en lingua galega (Celga) 2 e 3, respectivamente. Na Escola de Idiomas de Ponferrada tamén é posible cursar os niveis Celga 1 a Celga 4. Desde a súa creación, máis de 10 000 alumnos e alumnas seguiron este programa.

Ademais de en Castela e León, a Secretaría Xeral de Política Lingüística da Consellería de Cultura e Educación promove o galego nos estudos preuniversitarios no IE Cañada Blanch de Londres, nos institutos cataláns do proxecto Galauda e mais no Colexio Santiago Apóstol de Bos Aires. Deste xeito, responde ás demandas dos galegofalantes que viven no exterior e dá a coñecer o noso idioma entre a poboación de orixe non galega.

6 de maio de 2016 | 19:13 • Sen comentarios

Comentarios pechados.