publicidade hoxe

Unha vintena de mozos revalorizarán a fonte das catro estacións do Parque do Pasatempo no marco dun campo de traballo promovido por Xuventude

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaBetanzos
A-
A+

A directora xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, Cecilia Vázquez, presentou esta mañá o Campo de Traballo Internacional de Betanzos que se celebrará na localidade entre o 15 e o 26 de xullo. Este campo terá unha temática moi ligada a un dos maiores activos turísticos e culturais de Betanzos, como é o Parque do Pasatempo.

Os voluntarios realizarán unha valoración e diagnose do estado da fonte das catro estacións dos Xardíns do Pasatempo e redactarán un proxecto de restauración, con limpeza e consolidación preventiva da fonte, e levarán a cabo a limpeza e acondicionamento dos xardíns que a rodean, así como actividade de difusión e divulgación do proxecto.

Nesta iniciativa conxunta entre a Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado e o Concello de Betanzos, participarán un total de 20 voluntarios de entre 18 e 30 anos, procedentes de Galicia, do resto de España e doutros países de todo o mundo.

Cecilia Vázquez destacou que “os proxectos de voluntariado xuvenil, como este campo de traballo, supoñen unha magnífica ferramenta de educación non formal para a nosa mocidade”. En concreto, os campos de traballo contribúen á difusión de valores como a participación, a solidariedade, o coñecemento do contorno e o traballo en equipo entre os participantes. Así mesmo, fomentan a mobilidade, pois ofrecen aos mozos e mozas a oportunidade de tomar parte en campos doutras Comunidades e países.

Son polo tanto recursos de gran valor xuvenil, nos que Galicia é a comunidade de referencia na materia. Cómpre destacar que o ano pasado Galicia organizou o 34% dos campos de traballo internacionais que se celebraron en toda España, segundo o balance realizado polo Injuve.

A Consellería de Política Social organiza un total de 24 campos de traballo na comunidade galega nos meses de verán nos concellos coruñeses de Outes, A Laracha, Ponteceso, Boqueixón, Rois, Betanzos, Curtis, Vedra, Ribeira e Coirós e nos concellos ourensáns de Celanova, Ourense, Muíños, Vilamarín e A Peroxa. Así mesmo, celebraranse nos municipios lucenses de Folgoso do Courel, Portomarín, Becerreá, Pantón, Quiroga e Xermade, así como en localidades da provincia de Pontevedra como as Illas Cíes (4 quendas), Cotobade e Vilanova de Arousa.

Este ano os mozos e mozas galegos dispoñen de 575 prazas para participar nos Campos de traballo. Destas prazas, 120 son para Campos noutras comunidades autónomas, 250 para Campos en 34 países de Europa, Asia, África e América e 205 para Campos en Galicia. Con estes datos, Galicia é a comunidade española con máis prazas en campos de traballo.

Campaña de verán 2016

Cecilia Vázquez lembrou que os campos de traballo enmárcanse dentro da Campaña de Verán 2016 que organiza a Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado. “Esta campaña é a máis inclusiva e importante dos últimos anos no que se refire a número de prazas ofertadas. En total, son 9.046 as prazas que se ofrecen, o que significa incrementar nun 6% as prazas dispoñibles no ano pasado”, explicou a directora xeral.

Ademais destes campos, a campaña de verán inclúe albergues, campamentos e actividades de ocio e tempo libre para a mocidade. A Consellería de Política Social destina un orzamento de 2,6 millóns de euros a esta campaña.

Cómpre destacar que, outro dos aspectos positivos da campaña está no impulso ao emprego que leva aparellada. Grazas ao desenvolvemento destas actividades, as empresas de ocio e tempo libre de Galicia darán traballo a máis de 900 monitores/as e directores/as de campamentos.

Os interesados e interesadas nesta campaña, xa poden consultar toda a información relativa á mesma en http://xuventude.xunta.es.

27 de maio de 2016 | 17:06 • Sen comentarios

Comentarios pechados.